As asembleas de persoas traballadoras da industria auxiliar de Navantia aprobaron a semana pasada aceptar a proposta patronal para a modificación da disposición adicional segunda do convenio de siderometal da Coruña, na que se recollen os denominados acordos do naval.
A CIG-Industria destaca que con esta modificación se procede a unificar as táboas (aceiros e servizos), rematando así “cunha discriminación histórica dentro do estaleiro ao manter as diferenzas por gremios”; mellóranse as condicións salariais das categorías máis baixas xa que van ter uns incrementos porcentuais moi por enriba do pactado no convenio colectivo do metal; e ademais incorpórase un plus para o persoal técnico que até agora non existía.
O secretario da CIG-Industria de Ferrol, Serxio Martínez, salienta que estas son as tres principais “patas” e valora positivamente a proposta “pois malia non recoller todas as demandas do sector si que supón un avance moi significativo nas condicións salariais do persoal da industria auxiliar”.
Nun comunicado, as centrais sindicais CIG, UGT, CCOO explican que tras presentarlle o pasado mes de decembro á AENFE e á dirección de Navantia unha proposta para modificar os coñecidos como acordos do naval, e despois de varais reunións entre a parte social e as empresas do naval, o pasado venres e xoves someteuse ao parecer da asemblea xeral o texto proposto polo empresariado.
Finalmente a proposta foi ratificada pola maioría dos cadros de persoal da industria auxiliar nas cinco asembleas celebradas nas distintas quendas, tanto no estaleiro de Ferrol como no de Fene.
Unha vez máis, os sindicatos queren destacar que este avance foi posíbel polo éxito das xornadas de folga durante a negociación do convenio provincial do metal “e que presionaron a patronal do naval de Ferrol”.