Traballadoras e traballadores da banca reclaman un convenio digno acorde cos beneficios millonarios das entidades

Centos de persoas manifestáronse na Coruña no marco da folga sectorial convocada pola CIG en Galiza
Nacional - 29 Feb 2024

Miles de traballadoras e traballadores dos bancos AEB (Santander, BBVA, Sabadell, Bankinter, Deutsche Bank, etc.) manifestáronse este xoves na Coruña para reclamar a recuperación do poder adquisitivo, a redución da carga de traballo e a recuperación do emprego, e contra a presión e o acoso comercial brutal que padecen. A mobilización desenvolveuse coincidindo coa xuntanza da mesa de negociación do convenio colectivo e no marco da xornada de folga convocada pola CIG, ELA, Intersindical–CSC e SEC–BBVA en Galiza, Euskadi e Catalunya.

Ao inicio da manifestación, que transcorreu baixo unha intensa choiva, Rosa Conde, responsábel do sector de banca da CIG-Banca, apuntaba que o seguimento da folga está sendo desigual, rexistrando un maior impacto nas entidades do BBVA e Sabadell. Estimou nun 60% o seguimento global, superándose esta cifra en provincias como Lugo, na que pecharon todas as oficinas de BBVA e Sabadell.

Conde lembrou que o XXV convenio colectivo de banca leva meses negociándose, pero nas últimas tres xuntanzas a patronal non fixo ningún movemento nas súas propostas. Tanto a proposta económica que fan, cuns incrementos irrisorios, como o recorte de dereitos que formulan son inasumíbeis", subliña. Máis aínda no contexto de beneficios récord e de reparto millonario de dividendos entre accionistas e consellos de dirección.

"A responsabilidade social dos bancos debe comezar cos seus traballadores e traballadoras, que nos últimos anos foron quen máis sufriron as consecuencias da crise no sector". Para a representante da CIG "este é o momento de loitar e ir á folga" para reclamar condicións laborais dignas e a recuperación dos salarios "e que a patronal AEB non trate de impoñen as súas condicións como está afeita a facer".

Demandou uns incrementos salariais que permitan recuperar o perdido na última década, que estimou no 15% con respecto ao IPC, e que garantan o mantemento da capacidade adquisitiva no futuro. O anterior convenio recollía unha suba dos salarios do 2,5% para cinco anos e agora a patronal quere seguir nesa senda de contención salarial e propón unha suba do 8% para os próximos catro anos que nin sequera cubre xa o IPC de 2023 e o que pechou en xaneiro".

Pero este aumento tampouco sería real xa que a aplicación da cláusula de compensación e absorción que recollida no convenio "na práctica supón a conxelación dos salarios de boa parte dos cadros de persoal". "Aspiramos a ter un convenio digno e non demandamos nada que non sexa xusto", aseverou Rosa Conde.

 Despedimentos masivos

Lembrou que na última década o sector sufriu un proceso de centralización e concentración que provocou a destrución de milleiros de empregos a través da aplicación de ERE masivos, deixando os cadros de persoal ao mínimo e afondando na sobrecarga de traballo. Estes despedimentos colectivos foron acompañados de peches de oficinas que tamén supuxeron recortar á calidade do servizo á  clientela. "onde antes había dúas oficinas con oito persoas cada unha, agora queda unha coa metade de persoal, e iso se hai sorte".

Xunto a isto, referiuse ás innumerábeis prolongacións de xornada feitas polo persoal durante a pandemia para dar resposta ás necesidades financeiras de moitas empresas e particulares "que non foron recoñecidas nin compensadas". É máis, os maiores ERE na historia do sector aplicáronse durante os anos 2020 e 2021, en plena emerxencia sanitaria.

Agora os bancos alegan que precisan dunha maior flexibilidade no convenio para cubrir as necesidades de persoal nas oficinas. "Mais en lugar de contratar persoal, o que propoñen é incrementar a mobilidade xeográfica forzosa de 25 a 50km. Incremento que ademais de dificultar a conciliación , supón unha nova merma na capacidade adquisitiva, xa que os custes de desprazamento terán que ser asumidos pola persoa traballadora".

 Rachar coa presión comercial desmesurada

Demandas fundamentais para a CIG neste convenio tamén son a recuperación do emprego e o cese da brutal presión comercial que sofre o persoal. "Impóñense uns obxectivos comerciais desmesurados, inalcanzábeis, que implican unha sobrecarga de traballo e ademais as entidades encobren nos obxectivos unha serie de produtos que atentan contra a propia normativa MIFID".

Unha actuación patronal que Conde cualificou como acoso e que xera enorme presión sobre as traballadoras e traballadores xa que o cumprimento dos obxectivos forma parte fundamental da súa avaliación profesional anual "e isto condiciona a curto-medio prazo a continuidade na propia entidade".

" A postura da patronal é clara, non queren compartir co persoal os inxentes beneficios que están acumulando, e pretenden continuar na súa escalada de perda de dereitos e empeoramento do clima laboral con políticas comerciais asfixiantes", denunciouse no manifesto lido ao remate da mobilización.

Para reverter esta situación, a CIG chama a todo o sector a "loitar pola nosa dignidade como traballadoras e traballadores de banca" e a intensificar a mobilización para conseguir unhas condicións laborais e salariais dignas.