Persoal civil de Defensa mobilízase en Ferrol e Marín a dous días da nova reunión da mesa de negociacións

A CIG reivindica que as melloras salariais aplicadas en 2025 se transformen nunha retribución “estábel, permanente e garantida”
Ferrol/Marín - 22 Set 2026

Traballadoras e traballadores civís do Ministerio de Defensa realizaron unha nova concentración este martes diante do Arsenal Militar de Ferrol e na Escola Naval de Marín para reclamar uns salarios dignos e que se consolide a mellora retributiva percibida durante 2025. A mobilización desenvolveuse a dous días da reunión da mesa delegada de negociación de Defensa na que a CIG defenderá a súa proposta para que se inste a Función Pública e Facenda a iniciar os procedementos necesarios para facer efectivo o incremento do complemento específico.

“É o momento de que o Ministerio deixe de prolongar a incerteza e dea pasos concretos”, asevera a representación da CIG-Administración, quen salienta que a mellora salarial aplicada o pasado ano supuxo un avance importante, “pero segue sen estar consolidada de maneira estábel na estrutura retributiva dos postos de traballo”.

Desde o inicio de 2026, a CIG vén reclamando que estas cantidades deixen de depender de fórmulas provisionais ou dunha produtividade que debe ser autorizada periodicamente e se transformen nunha retribución “estábel, permanente e garantida para todo o persoal civil do Ministerio de Defensa”.

Para lograr isto, a central nacionalista reivindica incremento do complemento específico para o persoal funcionario e o incremento do complemento singular do posto para o persoal laboral, de maneira que a mellora salarial quede incorporada definitivamente ás retribucións dos postos de traballo.

No caso do persoal funcionario, a CIG presentou unha proposta para que a mesa delegada acorde solicitar a Función Pública e Facenda o inicio dos procedementos necesarios para incrementar o complemento específico mediante a correspondente modificación das relacións de postos de traballo.

Do mesmo xeito, a central reclamou unha suba para o persoal laboral a través do Complemento Singular de Posto, garantindo que a mellora retributiva alcance e quede consolidada para o conxunto do persoal civil de Defensa.

“Non aceptamos que unha mellora salarial destinada a recoñecer as especiais características do traballo desenvolvido no Ministerio quede sometida á incerteza ou dependa de decisións anuais”, reitera a representación da CIG.

O próximo xoves, día 24, está convocada reunión da mesa delegada e por iso, con estas mobilizacións tamén se quere trasladar o Defensa unha mensaxe clara sobre a determinación do persoal a pelexar por un salarios dignos.