O persoal civil de Defensa continúa coas protestas para reclamar melloras retributivas e solución xusta á discriminación salarial
O persoal civil de Defensa volveuse concentrar este mércores diante do Arsenal Militar de Ferrol e na Escola Naval Militar de Marín en defensa de salarios dignos, e para reclamar unha solución definitiva á discriminación retributiva cometida pola Administración estatal ao incrementar os soldos do persoal militar e excluír a parte civil “que tamén compón o cadro de persoal deste Ministerio”.
A CIG-Administración, convocante das mobilizacións, explica que este conflito laboral se atopa nun momento chave para a súa solución e que esta só depende de que haxa vontade política. A finais de marzo, a CIG presentou diante de Función Pública unha proposta para a Mesa Xeral de Negociación da Administración Xeral do Estado orientada a abrir un proceso negociador real “que permita instaurar unha mellora salarial por dereito, e non por concesión unilateral da Administración
A representación da CIG no Ministerio reitera que a solución pasa “por facer o mesmo que se fixo co persoal militar”, tanto na contía do incremento salarial, como na forma da súa aplicación, “co obxectivo de blindar definitivamente nas nóminas do persoal civil a mellora salarial acadada”. Un incremento froito das mobilizacións realizadas polo persoal tras da discriminación cometida pola Administración e recoñecida en parte mediante a gratificación salarial ofrecida a finais de 2025.
“Mentres agardamos a que Función Pública convoque formalmente dito organismo de negociación, seguiremos a nos mobilizar como ferramenta de presión colectiva para conseguir estabilizar a mellora salarial”, reitera a representación da CIG.