O persoal do transporte clama contra o Grupo Monbús por secuestrar a negociación colectiva

As centrais sindicais veñen de solicitarlle ao Consello Galego de Relacións Laborais a convocatoria urxente da mesa da mediación
Santiago de Compostela - 29 Xan 2026

No marco do conflito aberto pola renovación do convenio colectivo do transporte de persoas por estrada da Coruña, traballadores e traballadoras do sector mobilizáronse este xoves na estación de Compostela para exixirlle á patronal, nomeadamente a Monbús, que abandone a súa postura inmobilista e desbloquee de inmediato as negociacións.

A protesta iniciouse na dársena de autobuses, seguiu polo interior da estación até a porta de acceso da rúa do Hórreo e marchou en manifestación até diante do Parlamento galego onde o persoal mantivo unha concentración.

Co obxectivo de rachar coa parálise negociadora, e ante o inminente inicio da folga indefinida e as consecuencias que terá para as persoas usuarias, as tres centrais sindicais veñen de remitir un escrito ao Consello Galego de Relacións Laborais para que convoque, de urxencia, reunión da mediación.

Neste senso, o responsábel do sector de Transportes da CIG, Ernesto López Rei, reiterou durante a mobilización que "este conflito só se soluciona negociando, e iso é algo que a patronal parece non querer asumir".

Todo o sector refén dunha única empresa

Acusou directamente a Grupo Monbús, co seu presidente á cabeza, Raúl López, e ao presidente de Transgacar, Carlos García Cumplido, "de ter secuestrada a negociación, enfrontándose ao persoal, ao propio presidente da Xunta que pediu negociar, ás persoas usuarias que quedarán sen servizo de mobilidade e incluso ao resto das empresas que si está interesadas en dialogar e chegar ao un acordo".

Cualificou o dono de Monbús de "capo" pola maneira na que trata o conxunto do sector e o presidente de Transgacar de actuar como "conseglieri", e criticou duramente a ambos por impedir calquera tipo de diálogo, abocar o sector á folga indefinida e deixar a provincia sen transporte en autobús. Esta mesma intransixencia ten levado á CIG a propor a convocatoria de asembleas na provincia de Pontevedra para elaborar un calendario de moblizacións se non hai avances na negociación.

Así mesmo, lanzou unha mensaxe á Xunta de Galiza para que deixe de pórse de perfil e asuma as súa responsabilidade na resolución do conflito, como titular das concesións, como garante do dereito á mobilidade e de que as traballadoras e traballadores teñan condicións xustas.

Fronte á estratexia de desgaste e silencio, López Rei destacou que o persoal do sector está "forte, decidido e coa determinación de que o día 2 de febreiro comeza a folga indefinida até conseguir un convenio digno".

Instou ao patronal a reflexionar, ser responsábel e sentar a dialogar con vontade real de avanzar e chegar a un acordo de convenio que poña fin ao conflito e mellore as condicións laborais e salariais do sector.

Lembrou que os traballadores e traballadoras levan cos soldos conxelados dende 2024, que teñen unhas xornadas totalmente desfasadas e que os permisos e licencias xa quedaron por debaixo do que marca as lexislación vixente.

O representante da CIG concluíu reiterando que “a loita é o único camiño” para acadar un convenio que realmente mellore as condicións de traballo e avance nos dereitos laborais.