Persoal da Autoridade Portuaria de Vigo participa nun “almorzo solidario” en apoio dos catro compañeiros denunciados polo presidente

O venres desenvolverán unha asemblea para recadar fondos e mobilizaranse coincidindo co consello de administración

Vigo -

Un grupo de traballadores/as da Autoridade Portuaria de Vigo (APV) participou hoxe nun “almorzo solidario” organizado polo comité de empresa en apoio dos catro compañeiros denunciados polo presidente do ente público, Enrique López Veiga. Este venres desenvolverán unha asemblea para recadar fondos para a defensa dos afectados e mobilizaranse coincidindo coa celebración do consello de administración.

Segundo explican dende a representación do persoal da APV, o pasado mércores decidiron cambiar o formato das protestas que desenvolven cada luns dende comezos de mes despois do “recado” enviado por López Veiga aos empregados/as no que se lles lembraba a obrigatoriedade de fichar cada vez que abandonen as instalacións. Diante disto, optaron por convocar un “almorzo solidario” por conta do comité para evitar posíbeis represalias.

Para este venres teñen previsto celebrar unha asemblea de traballadores/as na que recollerán achegas voluntarias para cubrir os gastos de defensa dos compañeiros afectados, tras a que se mobilizarán até o edificio de sesións, onde terá lugar o consello de administración da APV.

>> NOVA RELACIONADA: O persoal da Autoridade Portuaria de Vigo abordará en asemblea a denuncia do presidente contra catro membros do comité

Volver