Persoal da Axencia Tributaria concéntrase na Coruña en demanda de xustiza salarial

Nacional - 22 Mai 2024

Traballadoras e traballadores da Axencia Tributaria concentráronse este mércores na Delegación Especial de Galiza (situada na Coruña) para demandar melloras laborais e salariais. A protesta enmárcase no calendario de mobilizacións acordado polas centrais sindicais en resposta ao bloqueo da negociación colectiva para o desenvolvemento da carreira profesional, o novo convenio para o persoal laboral, o teletraballo e un reparto xusto da produtividade.

A protesta celebrouse na véspera da reunión prevista coa directora xeral da Axencia Tributaria na que, apuntou Henrique García Outeiral , responsábel da CIG na AEAT, "agardamos que nos presente unha proposta seria e con dotación económica suficiente que permita desconvocar as mobilizacións". No caso contrario, xa advirtiu que as mobilizacións continuarán, non descartando a convocatoria de folga en plena campaña da renda.

O representante da CIG denunciou a enorme perda de poder adquisitivo sufrida polo persoal e que nos últimos 6 anos a dirección da AEAT se dedicou a conxelar a negociación colectiva para subir discrecionalmente as retribucións do persoal que máis cobra. De feito, en 2023 a AEAT tiña os 1.265 grupos A1 que cobran os específicos máis altos de toda a Administración Xeral do Estado.

Por iso, unha das principais reivindicacións do colectivo pasa pola negociación e aplicación do acordo de carreira profesional para todo o persoal ao servizo da Axencia. Xunto a isto, que se negocie o novo convenio colectivo do persoal laboral (o actual data do ano 2006 e leva ano e medio denunciado); o desenvolvemento do teletraballo e a negociación do servizo de atención telefónica anunciado pola ministra de Facenda; así como revisar os criterios de pago da produtividade, xa que o actual reparto prima ao colectivo de persoal inspector discriminando ao resto do persoal.

"Tamén reclamamos un cambio nas relacións laborais e que a administración deixe de ignorar a representación legal dos traballadores e das traballadoras da AEAT", apuntou García Outeiral.

Oficinas sen persoal

Na protesta, o representante da CIG tamén advertiu que, no caso de Galiza, estanse "deixando morrer" as administracións tributarias de vilas como a de Betanzos, Carballo, Ribeira, Cee ou incluso nas cidades como Ferrol e Santiago, que fican sen persoal "coa cal se presta un mal servizo á cidadanía, que ten que desprazarse e que acaba acudindo ás xestorías para facer os trámites". Para Outeiral este proceso constitúe "unha privatización encuberta dun servizo público que debería prestar a Axencia Tributaria".

En Galiza, a AEAT conta con máis de mil traballadores/as, entre persoal funcionario e laboral, e o Servizo de Vixilancia Aduaneira. Para este colectivo, a CIG demanda tamén melloras das condicións laborais, catalogándoo como profesión de risco e reforzando os medios materiais e humanos.