Convocada folga na Casa das Ciencias, Domus e Aquarium en defensa dos empregos e a actividade destes museos

A adxudicataria, SAMYL, formula un ERTE que afectará a todo o persoal
A Coruña - 28 Mar 2017

As traballadoras e os traballadores dos museos científicos municipais da Coruña irán á folga varios días durante o mes de abril para defender os seus empregos e o mantemento da actividade na Casa das Ciencias, a Casa dos Peixes e a Casa do Home (Domus), que, de non actuar o Concello con urxencia e eficacia, ficarán sen persoal para atender estas instalacións a partir do vindeiro 15 de abril.

A decisión de iniciar un calendario de mobilizacións acordouse na asemblea de traballadoras/es celebrada na tarde do luns 27, na que se abordou a complexa situación á que está abocado o persoal destes museos logo da empresa concesionaria, SAMYL,  comunicar que non vai asumir ningunha prórroga máis do servizo e que, polo tanto, iniciará a negociación dun ERTE de suspensión de contratos.

Calendario de mobilizacións

A vista desta situación, o  persoal acordou en asemblea promover un calendario de mobilizacións que incluirá folga durante toda a xornada laboral os días 8, 9, 13 e 14 de abril e paros laborais (de 11:30 a 13:30 horas e de 16:30 a 18:30 horas) os días 10, 11 e 12 de abril.
Ademais, os días 8, 9, 10 e 11 de abril haberá concentracións diante do Pazo de María Pita de 12:00 a 13:00 horas.

Hai que subliñar que SAMYL rematou a concesión hai tres anos e dende entón o Concello da Coruña instou a empresa a continuar co servizo, xa que os concursos licitados nestes anos quedaron desertos ao non concorrer ningunha empresa. Isto é así, porque o Concello se nega a incrementar o prezo do servizo e as empresas consideran que a cantidade económica estabelecida non chega para cubrir as prestacións solicitadas. Nos últimos tres anos a administración municipal sacou a concurso o prego até en catro ocasións, pero mantendo sempre o mesmo importe económico, aínda sabendo que as empresas non se presentaban por considerar insuficiente esta cantidade.  

O concurso, novamente deserto

O pasado día 22 de marzo rematou o prazo previsto polo Concello da Coruña para a recepción de ofertas e licitudes para a adxudicación pública da contrata, quedando por cuarta vez deserto ao non presentarse ningunha empresa.

Porén, nesta ocasión non existe posibilidade de prórroga toda vez que SAMYL xa comunicou á representación social a súa intención de promover un expediente temporal de suspensión de contratos que afectará ás 31 traballadoras e traballadores deste servizo.

Isto significa que dende o 15 de abril -a prórroga forzosa da concesión remata o venres 14- non haberá persoal para abrir as instalacións, vender as entradas, facer as visitas guiadas, organizar as actividades educativas, etc. É dicir, a Casa das Ciencias, o Aquarium e a Casa do Home quedarán na práctica pechados ao público.  

Pasividade do Concello da Coruña

Ante a situación xerada, as/os traballadoras/es denuncian a pasividade do Concello da Coruña que non ten achegado ningunha solución, nin tampouco lles explicou aínda que medidas vai adoptar a partir do 14 abril, se ten intención de contratar con carácter especial a unha nova empresa até buscar unha solución definitiva ou se simplemente ten previsto proceder ao peche dos museos.

A representación do persoal ten solicitadas reunións de urxencia coa Concellaría de Cultura e co Alcalde da Coruña para buscar unha solución que evite pór en risco a continuidade destes 31 postos de traballo e o servizo público que se presta a través desta concesión. Porén, a xuntanza co goberno municipal non se producirá até o próximo día 6 de abril.