Persoal da conserva mobilízase en Ribeira contra o acordo de convenio regresivo asinado por CCOO e UGT
Persoal do sector conserveiro galego volveu mobilizarse hoxe para rexeitar o acordo de convenio colectivo regresivo asinado en Madrid por UGT e CCOO. Varios centos de persoas traballadoras percorreron as rúas da localidade barbancesa de Ribeira para reclamar unha suba salarial real e unha redución da xornada laboral.
A protesta chega días antes da seguinte reunión da comisión negociadora, que está prevista para este luns 2 de marzo en Madrid, e fai parte da campaña de mobilizacións que está a desenvolver a CIG para denunciar a “fraude” que supón este acordo para o persoal do sector.
A central convocou nesta ocasión na comarca do Barbanza, “xa que somos conscientes do papel fundamental que xoga a cadea mar-industria nesta bisbarra. Falamos dun sector estratéxico para o Barbanza e para Galiza, do que dependen milleiros de postos de traballo”.
Por iso rexeitan un acordo que “secuestraría” o convenio durante seis anos e que non só mantén a precariedade que xa sofren as persoas traballadoras da conserva, senón que empeora as condicións coas que se iniciou a negociación do novo convenio.
En consecuencia, a CIG insiste en demandar unha unha suba salarial real e unha redución da xornada laboral anual, e que o tempo do descanso do bocadillo sexa considerado tempo efectivo de traballo. Mais tamén aposta por rematar coa discriminación “cunha clasificación profesional xusta, que recoñeza a categoría real das traballadoras e combata a fenda de xénero”.
Finalmente dende a central sindical lembran que máis do 70% do sector conserveiro do Estado está en Galiza. “A maior parte das empresas e das persoas traballadoras son galegas, por iso é de xustiza que o convenio se negocie aquí e non en Madrid”.