Persoal da empresa de ataúdes Hijos de Luis Chao Sobrino reclama o pago das débedas cunha protesta na Feira do Viño do Ribeiro

Barallan convocar unha manifestación en defensa da continuidade da firma de Ribadavia
Ribadavia - 30 Abr 2018

O cadro de persoal de Hilos de Luis Chao Sobrino, empresa dedicada á fabricación de cadaleitos con sede en Ribadavia, desenvolveu este sábado unha protesta na inauguración da Feira do Viño do Ribeiro para reclamar o pago dos salarios pendentes. Os traballadores/as decidirán esta semana en asemblea a convocatoria dunha manifestación en defensa da continuidade da compañía e dos seus empregos.

O secretario nacional da CIG-Construción, Plácido Valencia, compareceu hoxe en rolda de prensa para explicar a delicada situación na que se atopa a empresa a causa da guerra familiar aberta no seu seo polo control da compañía. De feito, recentemente produciuse un novo cambio na xerencia, o que non mellorou os problemas existentes xa que a nova dirección “está atada de mans e non pode vender nada porque a anterior deixou todo en exclusividade a un único cliente”.

Como consecuencia, a empresa fica na práctica sen actividade e mantén unha débeda salarial cos traballadores/as de catro mensualidades e vai camiño dunha quinta xa que todo apunta a que non abonará tampouco o soldo do mes de abril (non ingresou a nómina de marzo, ao que hai que sumarlle os tres meses que arrastra sen pagar dende o ano 2016 e que están recoñecidos no concurso). Ademais, neste tempo os empregados/as padeceron até tres ERTE.

Diante disto, o cadro de persoal celebrará unha asemblea esta semana na que abordarán a convocatoria dunha manifestación para reclamar o pago das débedas e en demanda dunha solución que garanta a continuidade da empresa e dos seus postos de traballo, xa que a finais do ano pasado tiveron coñecemento que a anterior dirección solicitou até en dúas ocasións a liquidación da compañía.