Persoal da industria vitivinícola reclámalle á patronal que sente xa negociar o convenio colectivo

A protesta desenvolveuse en Cambados coincidindo coa Festa do Albariño
Cambados - 03 Ago 2026

Traballadores e traballadoras da industria vitivinícola e das adegas comezaron mobilizacións este domingo 2 de agosto en Cambados para reclamarlle á patronal do sector que sente negociar xa o convenio colectivo da provincia da Pontevedra, que está sen actualizar dende o ano 2014. A protesta desenvolveuse coincidindo co día grande de celebración da Festa do Albariño.

Un total de 186 adegas da provincia e unhas 2.000 persoas traballadoras están reguladas por este convenio, explicou Mar Vila, da Executiva da FGAMT-CIG, durante a protesta. Apuntou que, nestes intres, a patronal “só ten boas intencións e palabras, pero non se materializou aínda a posta en marcha da comisión negociadora” para actualizar as condicións laborais e salariais das traballadoras e traballadores.

Denuncia que, durante estes anos, os salarios do persoal só subiron, no mellor dos casos, conforme aos incrementos do SMI mentres a carestía da vida se viu disparada, e a propia industria do viño medraba e ano tras ano aumentaba a facturación.

Neste período, tamén se produciron cambios importantes nas propiedades dalgunhas empresas do sector concentrando aínda máis a súa facturación. A falta de actualización do convenio dende hai máis dunha década tamén provoca que haxa empresas que teñan persoal en Galiza traballando polo salario mínimo e noutra zona do estado con salarios pactados en convenio colectivo, notabelmente superiores.

Por iso, Vila xa avanzou que á mobilización deste domingo seguiranlle outras no resto da provincia e que a CIG continuará na loita para negociar de inmediato o convenio e avanzar nos dereitos e condicións do persoal do sector.