Persoal da limpeza de Correos en folga mobilízase polo pago de salarios e a rescisión coa actual contrata

Dende o comité responsabilizan a empresa pública de outorgarlle a concesión do servizo a JCórdoba, unha compañía insolvente que incumpre a lexislación laboral
- 06 Set 2023

Persoal da limpeza de Correos, en folga indefinida dende o pasado luns 4 de setembro, mobilizouse hoxe nas catro provincias galegas para reclamar o pago dos salarios pendentes e a rescisión do contrato coa actual concesionaria, JCórdoba. Dende o comité responsabilizan a dirección da empresa pública de deixar a xestión do servizo en mans dunha compañía insolvente que incumpre a lexislación laboral.

As protestas, nas que participaron un bo número de persoas, desenvolvéronse a partir das 11:00 horas diante das principais oficinas de Correos en Santiago, Lugo, Ourense e Vigo, onde despregaron faixas e berraron consignas coas súas reivindicacións. Para o vindeiro mércores 13 de setembro teñen convocada unha manifestación na Coruña, que arrincará ás 11:00 horas da OP Correos, na rúa Manuel Casas. As mobilizacións continuarán tamén os días 20 de setembro e 4 de outubro, en lugares aínda por determinar.

O comité de folga ofreceu onte unha rolda de prensa en Santiago para explicar unha problemática laboral que afecta a aproximadamente 360 traballadoras/es dos servizos de limpeza das dependencias de Correos das catro provincias e que se repite en todos os lotes do servizo de limpeza que Correos ten adxudicados no Estado. Na comparecencia diante dos medios de comunicación a representación do cadro de persoal esixiu a rescisión do contrato coa empresa concesionaria ante os incumprimentos das relacións laborais a todos os niveis, a comezar polo pagamento dos salarios.

O persoal desta concesionaria xa se vén mobilizando en toda Galiza desde hai meses para denunciar os continuos atrasos, que agora xa son impagos, e apunta como responsábel á dirección de Correos por presentar o concurso á baixa e aceptar a aínda máis baixa proposta desta empresa. 

O persoal leva mobilizándose dende hai meses para denunciar os continuos atrasos no pagamento das nóminas

Segundo explicou o representante da CIG, Xavier Torea, os problemas comezaron xa no momento da propia licitación, á que só concorreu esta empresa debido á deficitaria oferta económica do contrato. Un concurso ao que nin sequera se presentou Sacyr, a empresa que xestionaba o servizo até ese momento.

Xunto a isto denunciou que a gañadora do concurso, SCT (Jcórdoba) para conseguir a concesión, presentou unha oferta con “baixa temeraria”, isto é, por debaixo dos custos reais do mantemento do servizo e dos salarios e que agora as consecuencias páganas as traballadoras. O pasado 1 de xuño a empresa comunicou a súa intención de non abonar os salarios alegando que o contrato non cubre os custos e agora mesmo adebeda as nóminas de xullo e agosto.

A situación afecta a aproximadamente 360 traballadoras e traballadores dos servizos de limpeza das dependencias de Correos das catro provincias e repítese en todos os lotes do servizo de limpeza de Correos que a empresa ten adxudicados no Estado.

Óscar Iglesias, presidente do comité, retrataba a situación de desesperación do persoal, que depende do seu salario para vivir e pagar facturas. “A xente esta moi mala, isto está provocando unha grande ansiedade das familias e xa hai traballadoras que tiveron que coller baixa por mor da tensión que están vivindo”.

Baixa temeraria

Na rolda de prensa os representantes da CIG, CCOO, UGT e do comité responsabilizaron a Correos, primeiro por sacar a concurso unha concesión infradotada economicamente e por adxudicarlla, despois, a unha empresa que presentou unha oferta con baixa temeraria á fronte da que está, ademais, un empresario que acumula problemas de solvencia e quebras en todas as empresas a fronte das que estivo, Rocco Arena.

Xunto a isto, acusaron a Correos de nin sequera reunirse coa representación do persoal, comité e organizacións sindicais, para abordar unha situación que consideraron insostíbel, e de non escoitar tampouco as demandas de rescisión da contrata por incumprimento reiterado da lexislación laboral, mais tamén a Lei de Contratos das Administracións Públicas. Unha rescisión que posibilitaría un novo concurso, que se fixera co servizo outra empresa, que o persoal fose subrogado e que volvera a cobrar con normalidade nunhas condicións dignas.

Neste sentido, explicaron que desde o mesmo día en que se fixo coa concesión SCT (Jcórdoba), en febreiro deste ano, faltan EPI, uniformidade, non se cobren as baixas, acumuláronse os atrasos nos cobros dos salarios e, finalmente, a empresa mesmo deixou de pagar as últimas nóminas. Isto ademais de non contar con Plan de Igualdade, obrigatorio para as empresas que contratan coas administracións públicas.