Persoal da promoción interna de 2023 da Xunta exixe que se respecte o seu dereito a ter destino definitivo
A CIG convocou unha concentración en San Caetano ante a falta de solucións e información transparente por parte da Consellaría de Facenda
Persoal da promoción interna de 2023 concentrouse este mércores diante do complexo da Xunta de Galiza en San Caetano para exixirlle á directora xeral de Emprego Público e ao conselleiro de Facenda unha solución de urxencia que garanta o dereito a que se lles dea destino definitivo “simultaneamente co resto dos outros 8 procesos de corpos xerais que van poder facelo en breve”.
Na protesta, convocada pola CIG, denunciouse a situación discriminatoria que afecta a estas case 500 persoas funcionarias de corpos xerais, que concorreron á promoción interna do ano 2023 en convocatorias derivadas das ofertas de emprego dos anos 2020 e 2021, pero non van poder tomar posesión do seu destino definitivo. De aí que a concentración se desenvolvera baixo o lema “Promocións internas e non eternas. Máis axilidade e menos dilación”.
Fernando García, da CIG-Autonómica, explica que dos diferentes procesos que están pendentes dos actos de elección de destino e que afectan a 2.600 persoas, a un deles, a promoción interna do 2023 que abrangue a unhas 500 persoas, non as van deixar participar. “Descoñecemos por que agora, unha vez rematado o concurso de traslados, se lles denega este dereito a case medio millar de traballadoras e traballadores da Xunta, cando en boa parte dos casos nin sequera terían que cambiar de posto”.
Critica a inacción da directora xeral de Función Pública que se nega a facilitar os datos de postos de cada corpo que quedaron sen cubrir no concurso xeral de traslados e incluso interpelada nunha reunión por esta problemática se limitou a dicir que se trata dun asunto do que ‘non toca’ falar.
Para García resulta de especial gravidade que a Xunta non só impida a estes funcionarios e funcionarias participar na elección de destino e toma de posesión, senón que as deixan nun limbo ao non fixar unha data concreta para a celebración de tales actos.
Neste senso, no manifesto lido ao remate da concentración denunciouse que a duración incerta e o incumprimento reiterado nos prazos estabelecidos para os procesos de mobilidade interna provocan que “na administración xeral da Xunta de Galiza se necesiten máis de 25 anos para chegar dende o corpo subalterno ao corpo superior”.
Diante da “incompetencia demostrada pola directora xeral”, a CIG xa se dirixiu por escrito ao conselleiro de Facenda para que asuma as súas responsabilidades e ofreza unha solución de inmediato porque “sen toma de posesión este persoal non pode promocionar”.