A CIG-Administración Autonómica mobilizouse esta mañá, diante dos edificios da Xunta de Galiza das sete cidades, contra o Decreto 40/2026 que modifica o procedemento de chamamento das listas de substitucións. A central advirte que o cambio non afecta só ás persoas que están nas listas, “senón ao conxunto do persoal da Xunta de Galiza xa que a falta de coberturas, a denegación dos permisos ou de vacacións vai ligado a este despropósito”.
A CIG-Autonómica considera que non se pode permitir “que a falta de planificación da Xunta se traduza en máis presión, menos garantías e peores condicións para as traballadoras e traballadores. A eliminación da mellora do emprego, os chamamentos urxentes con prazos mínimos, a suspensión automática nas listas ou a imposición exclusiva dos medios electrónicos, son medidas inaceptábeis”.
Considera que esta reforma supón un grave retroceso nos dereitos laborais, na conciliación da vida persoal e profesional e nas expectativas de progreso do persoal temporal da administración pública galega.
Denuncia especialmente a suspensión automática en todas as listas tras aceptar un chamamento, impedindo o acceso a melloras laborais e profesionais, como a obtención de postos vacantes.
Xunto a isto rexeita a eliminación real da mellora de emprego, pechando a porta a postos de maior estabilidade ou categoría, así como os chamamentos urxentes mediante SMS con prazos inferiores ás 24 horas, incompatibles cunha resposta xusta e razoable.
Falta de planificación e organización
Denuncia tamén o réxime extraordinario imposto ao persoal do SPIF entre o 1 de marzo e o 31 de outubro; a imposición da tramitación exclusivamente electrónica sen garantir medios, alternativas nin asistencia suficiente para todas as persoas ou a aplicación retroactiva de medidas que afectan negativamente ao persoal xa incorporado ás listas.
Considera que estas decisións responden á falta de planificación e organización da administración, trasladando ás persoas traballadoras as consecuencias dunha política de persoal deficiente.
Por iso reclama a recuperación dos mecanismos de mellora de emprego; prazos razoables nos chamamentos urxentes; garantías fronte ás penalizacións automáticas; sistemas accesibles e acompañamento na tramitación electrónica e unha planificación estable, transparente e respectuosa cos dereitos laborais.