Persoal das conservas de peixe mobilízase diante das empresas para reclamar un convenio colectivo digno

A FGAMT-CIG convocou as protestas ante a falta de acordo a nivel estatal pola “intolerábel” suba salarial proposta polo empresariado
Nacional - 17 Nov 2021

Persoal do sector das conservas de peixe mobilizouse hoxe diante das empresas que fan parte da mesa de negociación do convenio estatal para reclamar un acordo digno. As protestas foron convocadas pola FGAMT-CIG ante a falta de entendemento entre as partes como consecuencia da “intolerábel” suba salarial proposta polo empresariado.

As concentracións fan parte da campaña de mobilizacións anunciada pola CIG unha vez que as xuntanzas celebradas os pasados días 10 e 11 de novembro en Madrid remataron sen que a patronal dese pasos significativos que permitan albiscar a posibilidade dun acordo. A central sindical non descarta incluso promover unha convocatoria de folga no caso de que as negociacións non avancen nas reunións previstas para os vindeiros días 30 de novembro e 1 de decembro de novo en Madrid.

Deste xeito no día de hoxe desenvolvéronse protestas simultáneas ás 12:00 horas diante das empresas Cefrico (Vilagarcía), Bolton Food (O Grove), Albo (Vigo), Calvo (Carballo) e Frinsa (Ribeira), localidade esta última na que tamén se celebrou unha asemblea de delegadas/os do sector para abordar o estado das conversas coa patronal.

Nas concentracións despregáronse faixas reclamando un convenio xusto para o sector e un convenio galego -unha das reivindicacións históricas da CIG- e berráronse consignas como “Convenio digno nas conservas”, “Non somos escravas, somos traballadoras” ou “Convenios aquí e non en Madrid”.

Dende a FGAMT-CIG denuncian que o empresariado teima nun convenio de cinco anos de duración e propón incrementar os salarios un 1,5% no 2021; un 1,75% en 2022; un 1,5% no 2023; un 1,25% en 2024; e un 1% no 2025, “coa gravidade engadida de que non inclúen cláusula de revisión anual de IPC real, polo que tendo en conta que o IPC do 2021 xa supera o 5,4% a proposta de incremento salarial é inasumíbel e intolerábel”.

Neste senso, a central sindical reitera a súa postura firme de non asinar ningún acordo de incremento salarial inferior o IPC real de cada ano, “pois non pode ser que sexan as persoas traballadoras as que asuman perda de poder adquisitivo ao tempo que as empresas do sector aumenten beneficios polo incremento das ventas”.

Xornada de luns a domingo

A patronal insiste tamén en distribuír a xornada de luns a domingo. “Esta proposta é unha barbaridade, un despropósito que supón recuar en dereitos consolidados”. Por iso dende a central sindical queren deixar moi claro que a ordenación da xornada laboral non estará en xogo mentres teñan representación na mesa de negociación, “pois afrontamos a negociación do convenio para acadarmos mellores condicións laborais e non para entregarlle dereitos á patronal”.

Outra proposta da patronal ten que ver coa creación dunha cuarta quenda para novas contratacións para as fins de semana e festivos. “Esta cuestión si que pode debaterse nas nosas asembleas para valorar algunha proposta neste sentido que repercuta na creación emprego.

Ao mesmo tempo, na CIG lamentan que o empresariado non vexa discriminación salarial por razón de xénero entre as categorías do grupo 5 (fabricación) a as do grupo 6 (oficios varios). “Isto chámase cegueira interesada, pois a diferenza é clara”.

Pese a isto propón un incremento salarial adicional para algunhas categorías do grupo 5: para oficial de 2ª un 0,4%, para oficial de 1ª un 0,6% é para a categoría de mestra propoñen un incremento adicional do 0,8%. “Pero sorprendentemente non propoñen ningún incremento salarial adicional para a categoría de auxiliar, que é a que agrupa a maior parte de mulleres traballadoras cun salario inferior”, censuran.