Persoal das residencias de maiores rexeita a proposta de convenio da patronal e baralla convocar protestas

Delegadas/os da CIG desbotaron en asemblea o acordo, que non inclúe unha redución da xornada anual
Nacional - 17 Dec 2021

Traballadoras/es e delegadas/os sindicais da CIG nas residencias de maiores privadas de Galiza decidiron onte en asemblea non aceptar a proposta de convenio colectivo achegada pola patronal na mediación celebrada o pasado 10 de decembro. As empregadas/os reclaman unha redución da xornada anual, incentivos en pluses de penosidade e perigosidade, a cobertura das baixas ao 100% e rematar cos incumprimentos do actual convenio no pago de festivos e nas vacacións.

A federación de Servizos da CIG convocou unha asemblea nacional en Santiago para debater sobre a proposta do empresariado, un encontro no que participaron as secretarias/os nacional, de comunicación e de negociación colectiva e a responsábel comarcal de Ferrol no sector das residencias.

Segundo explican dende a central sindical, durante a asemblea analizouse tamén polo miúdo a situación na que se atopa un sector considerado esencial, “pero mal pagado e mal tratado non só durante a pandemia senón tamén como consecuencia das prácticas mafiosas das empresas do sector, que teñen beneficios dun negocio de asistencia privada pero pagada pola Xunta”.

Ao mesmo tempo trasladáronse as propostas da patronal, que son principalmente económicas xa que só achegaron unha mellora nas licenzas. A proposta para 2020 e 2021 é compensar con 50 euros ese período e completar as dúas pagas extra de xuño e decembro, que non se cubrirán este ano senón en decembro do 22 e en xuño do 23. Para 2022 propoñen un incremento do IPC real, “quede como quede”, mentres que para 2023 sería do 0,4%, con revisión ao IPC do ano anterior.

Principais reivindicacións do persoal

Na asemblea quedou claro que as traballadoras/es botan de menos na proposta aspectos como a redución de xornada anual, incentivos en pluses de penosidade e perigosidade, cobrar o 100% durante as baixas e rematar cos incumprimentos do actual convenio no pago de festivos e nas vacacións.

En consecuencia decidiron por maioría absoluta rexeitar a proposta da patronal, acordando non asinar un convenio que non inclúa estes puntos fundamentais, ademais de valorar a posibilidade de comezar con mobilizacións e cunha convocatoria de folga.

Dende a CIG-Servizos anuncian que lle trasladarán estaa decisión tanto ao Consello Galego de Relacións Laborais como ao empresariado do sector na reunión que terá lugar o vindeiro 21 de decembro co obxectivo de renovar un convenio caducado dende 2019 que atinxe a preto de 10.000 persoas, na súa inmensa maioría mulleres, e que regula as condicións de traballo en centros de día, centros de coidados ou residencias públicas de xestión privada, privadas con financiamento público ou completamente privadas.