Persoal de ALSA concéntrase no concello de Ferrol pola readmisión de 2 despedidos

Denuncian ademais o incumprimento do contrato de mobilidade por parte da empresa
Ferrol - 18 Ago 2022

Traballadores e traballadoras de ALSA concentráronse esta mañá diante do concello de Ferrol para exixir a inmediata readmisión de dous traballadores despedidos. Unha mobilización, convocada pola CIG e UGT, na que tamén demandaron o cumprimento do contrato de mobilidade por parte da empresa.

O representante da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, explica que os despedimentos destes dous traballadores producíronse cando estaban de baixa e “a empresa non xustificou as causas nin na carta de despedimento, nin nas xuntanzas que mantivemos”.

Por iso entende que con estes despedimentos ALSA pretende “amedrentar” ao conxunto do persoal que vén denunciando, entre outras cuestión, os incumprimentos da empresa no relativo ao contrato de Mobilidade.

A este respecto Pastoriza sinala que o persoal está adscrito ao contrato de Mobilidade pero que ALSA os está mandando a traballar con outras consellarías. Unha decisión que o responsable da FGAMT-CIG considera que “é ilegal” porque non figura no contrato polo que foron subrogados.