Persoal de Ambuibérica mobilízase polas rúas de Pontevedra coincidindo coa segundo día de folga

Unha representación dos traballadores/as das ambulancias e da CIG mantivo unha reunión con Sanidade para esixir a intervención do 061
Vigo - 23 Xun 2016
Os traballadores/as de Ambuibérica, concesionaria do servizo público de transporte sanitario urxente, aproveitaron a segunda xornada de folga convocada pola FGAMT-CIG para reclamar o cumprimento do convenio para percorrer as rúas de Pontevedra en manifestación. A marcha rematou diante do edificio administrativo da Xunta en Campolongo, onde unha representación dos traballadores/as e da CIG mantivo unha xuntanza con responsábeis de Sanidade para reclamarlles a intervención do 061 no conflito.

(Galería de imaxes)

A mobilización convocada coincidindo co segundo día de folga arrincou do local da CIG na cidade arredor das 11.00 horas e pasou pola Praza da Ferrería antes de dirixirse cara ao edificio administrativo da Xunta de Galiza en Campolongo, onde Xabier Aboi, da FGAMT-CIG, tomou a palabra para explicar os motivos do paro.

As reivindicacións do persoal tamén lle foron trasladadas a continuación a responsábeis da Consellería de Sanidade na provincia durante a xuntanza que mantiveron cunha representación dos empregados/as e da CIG.

En concreto, os afectados/as reclaman a interevención da Fundación 061 no conflito laboral. “Ten que sentar á empresa para analizar os flagrantes incumprimentos de convenio e exercer un control efectivo sobre as bases e os equipos”, indican. Neste senso, consideran totalmente inaceptábel que Ambuibérica non cumpra co establecido no prego de condicións.

Por exemplo, citaron que non sigue os protocolos fixados para os casos de epidemia e mantén as bases “nunha situación escandalosa”. Ademais, denuncian que estean a botar man de xente sen experiencia para conducir as ambulancias, “o que provoca accidentes dos que logo son culpabilizados os traballadores/as coa apertura de expedientes por faltas moi graves”.

Finalmente, pregúntanse cal é o motivo polo que o 061 non exerza un control sobre a empresa nin sobre o cumprimento ou non do prego de condicións fixado na adxudicación do servizo. “Ou son moi amigos/as da dirección ou son moi vagos/as”, zanxan.