Persoal de banca clama en Vigo contra a “presión comercial” e por un sector “socialmente responsábel”

Nas mobilizacións convocadas pola CIG-Banca diante de preto de 20 sucursais denunciáronse tamén os despidos dunha traballadora do Santander e dunha delegada de Abanca
Vigo - 03 Xun 2026

A CIG-Banca continuou este mércores 3 de xuño en Vigo coa campaña posta en marcha recentemente para rexeitar a presión comercial á que está sometido o persoal e para reclamar unha banca socialmente responsábel “que poña as necesidades da clientela por diante dos beneficios escandalosos que amasa quen xestiona as entidades bancarias”. Durante as protestas desenvolvidas en preto de 20 sucursais de distintas entidades denunciáronse tamén os despidos dunha traballadora do Banco Santander e dunha delegada da central sindical en Abanca.

Dende a central sindical denuncian que as persoas traballadoras do sector bancario sofren un “auténtico acoso” para colocar produtos financeiros que a clientela no demanda. “Produtos que venden baixo presión, só para encher máis os petos dos bancos”. Sosteñen que o persoal está sometido a unha cultura empresarial que lembra as seitas, “xa que buscan alienalo cos intereses do banco, cun sistema de obxectivos cambiantes que medran día a día, sen tempo para analizar o que venden nin a quen, con múltiples campañas para colocar produtos financeiros”. E todo isto en base a xornadas “maratonianas” baixo unha “falsa flexibilidade”: os bancos asignan unha carga de traballo imposible de realizar na xornada legal, e nin pagan as horas extra, nin as cotizan, nin as rexistran.

En consecuencia, prodúcese sobrecarga de traballo, obxectivos de vendas crecentes, malos modos ou incluso ameazas para que estes obxectivos se cumpran, “xunto ás esgotadoras xornadas laborais e ao estrés, riscos psicosociais que provocan a morte de 840.000 persoas ao ano, segundo datos da propia Organización Internacional do Traballo (OIT)”. De feito, as enfermidades cardiovasculares causan o 43% dos accidentes laborais mortais (datos do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo). “Para moitas persoas, traballar nun banco é traballar enfermas, nun entorno que as enferma, e non só é cuestión de presión, senón que están en xogo a súa saúde e as súas vidas”.

E cando as vendas non chegan ao que esixe o banco, o persoal sofre ameazas de traslado, de despedimento, ataques á dignidade persoal e profesional e máis presión comercial. "Violencia laboral coa que nos atopamos día a día cando imos traballar, até o punto de que o consumo de ansiolíticos ou antidepresivos é a triste normalidade. Isto fai que para moitas persoas, traballar nun banco sexa traballar enfermas, nun entorno que as enferma".

Perda salarial

A maiores, os salarios perderon entre un 20% e un 25% de poder adquisitivo. "Vendéronnos os convenios actuais como os da recuperación, pero estamos perdendo de novo". Xa que o IPC sube por riba do que pactaron nos convenios dos bancos asociados á AEB e á CECA, pero non percibirán atrasos nin se revisarán as táboas se o IPC non supera o 5,3%.

"Estamos ante unha estratexia das patronais bancarias dentro do modelo de presión comercial: recortar salario fixo para vendernos promesas (falsas total ou parcialmente) de salarios variábeis". Cambian salario certo, por salario incerto e discrecional, o que afonda nas desigualdades. "Se engadimos a suba dos combustíbeis ou dos transportes, sen que se actualicen as compensacións por quilometraxe ou dietas, traballar na banca cústanos salario".

Ao mesmo tempo, durante as mobilizacións a CIG-Banca denunciouse tamén o despido dunha traballadora do Santander e dunha delegada da central sindical en Abanca, a primeira no marco dunha campaña para amedrentar o persoal mediante despidos disciplinarios e a segunda como consecuencia da política de represión sindical da entidade.