Persoal de Bosch mobilízase contra o ERE temporal para 540 persoas en Vigo

Desenvolveron concentracións diante dos centros de traballo da Avenida de Madrid e de María Berdiales
Vigo - 15 Mar 2019

Traballadoras/es e delegadas/os sindicais de Bosch, compañía do sector dos centros de chamadas con sede en Vigo, desenvolveu hoxe a primeira das mobilizacións do calendario deseñado polo comité de empresa para rexeitar o ERE temporal que afectará a 540 traballadoras/es. As protestas continuarán o vindeiro xoves 21 cunha concentración diante do centro de traballo de María Berdiales de 15:00 a 16:00 horas e seguirán os días 22 e 27 de marzo.

A representación sindical dos empregados/as de Bosch apostou por convocar concentracións diante das tres sedes que a compañía ten en Vigo (na Avenida de Madrid e nas rúas María Berdiales e Barxa do Covelo) para amosar a súa oposición ao ERTE que a empresa comezou a aplicar o pasado 18 de febreiro e que afectará a un total de 540 persoas até o vindeiro 31 de xullo.

A primeira das mobilizacións tivo lugar hoxe no centro de traballo da Avenida de Madrid 183 entre as 13:30 e as 14:30 horas e no da rúa María Berdiales 20 de 15:00 a 16:00 horas, onde empregados/as e representantes sindicais despregaron faixas e berraron consignas rexeitando un ERE temporal que xa foi impugnado polo comité de empresa a través dun conflito colectivo ao consideralo innecesario.

As protestas continuarán o vindeiro xoves 21, nesta ocasión cunha concentración unicamente diante do centro de traballo de María Berdiales de 15:00 a 16:00 horas e seguirán o venres 22 na Avenida de Madrid de 13:30 a 14:30 horas, e no centro de traballo da rúa da Barxa do Covelo de 14:45 a 15:30 horas. A última será o venres 27 diante do centro de traballo de Bosch na Avenida de Madrid de 11:30 a 12:30 horas.