Traballadores/as de Correos concéntranse na oficina de Cee para esixir a fin dos abusos e do trato desigual

Reclámanlle á empresa que investigue as situacións denunciadas e actúe de inmediato

Cee -

Traballadores e traballadoras de Correos concentráronse este xoves na oficina da empresa postal en Cee en rexeitamento aos abusos e ao trato desigual entre o persoal que se está a dar na unidade de reparto deste municipio, así como para urxir a dirección de Correos a que abra unha investigación e tome as medidas oportunas para mudar esta situación.

O comité de empresa e xunta de persoal denuncian que dende hai tempo están a recibir queixas sobre actuacións da xefa da carteiría de Cee "máis encamiñadas a acrecentar a condición de poder que sustenta, que a conseguir unha mellora na organización ou na calidade do servizo e favorecer as relacións laborais".

Así, denuncian a diferenza de trato existe entre os/as traballadores/as "complicándolle a un persoal os seus labores con cambios de barrio ou de tarefas, ou engadindo e incrementando tarefas ate ser inasumibéis". Por se non fora abondo, explican, "hai ordes explícitas por parte da xefa de reparto ao persoal fixo e/ou con experiencia de non axudar o persoal contratado temporal inexperto, nin nos labores, nin compartindo o coñecemento".

Estas actitudes "non son un caso illado"

Neste senso, apuntan que o persoal eventual chega a un primeiro posto sen formación práctica nin teórica facilitada pola empresa, o que dificulta o correcto desempeño das complexas seccións de reparto, especialmente no medio rural, "o que converte a estes traballadores en excepcionais con grandes cualidades, pero non con superpoderes que lles posibiliten a adiviñación e a ubicuidade".

Denuncian tamén que estas actitudes despóticas non constitúen un caso illado. De feito, teñen constancia de que estas actuacións "están sendo alentadas por algúns xefes de sector", e frases de corte autoritario "repítense con demasiada frecuencia cando o persoal reclama un dereito recollido por lei".

Alertan que o caso da UR de Cee "raia o escravismo", cando con estas prácticas se consegue que "os contratados/as traballen por parellas repartindo o traballo e o salario dun contrato entre dúas persoas, para satisfacer á xefa de distribución e non sufrir unha avaliación negativa". Contar cunha avaliación negativa, lembran, suporía a imposibilidade de traballar de novo ou incluso de poder presentarse ás oposicións futuras para persoal de Correos.

A situación xa foi posta en coñecemento da dirección

Esta situación foi posta en coñecemento do presidente de Correos e do director da Zona nº 1 coa fin de que se fagan as indagacións oportunas para descartar unha situación de acoso laboral e se tomen as medidas precisas para poñer fin a actitudes e actuacións "que supoñen un atentado contra a dignidade dos traballadores/as e un agravio comparativo entre iguais".

Así mesmo, nesa comunicación a representación social esixiulle ao director territorial de Compostela "que, de maneira preventiva proceda ao cese inmediato da Xefa de distribución responsábel da unidade de reparto de Cee".

Volver