Persoal de Correos da Unidade de Reparto 3 da Coruña comeza folga indefinida para esixir máis contratacións

O paro parcial desenvólvese das 7:30 ás 9:30 horas
A Coruña - 27 Xul 2020

Persoal de reparto de Correos da Unidade de Reparto 3 da Coruña comezou hoxe, luns 27 de xullo, folga parcial indefinida pola ausencia de contratación para cubrir baixas e vacacións. Con motivo da folga (que se desenvolve de 07:30 a 09:30 horas e está convocada pola CIG e CGT), un grupo de traballadores e traballadoras realizaron unha concentración diante da oficina da rúa Entrepeñas.

A Unidade de Reparto 3 dálle servizo aos distritos 10 e 11, mais a pesar da carga de traballo que existe, Correos non realiza as contratacións necesarias para substituír os carteiros e as carteiras que se encontran de vacacións ou baixa médica e poder así levar a cabo o servizo coa calidade esixida.

No canto de facer as substitucións, a empresa pública indícalle ao persoal de reparto que a maiores da súa sección habitual ten que se dirixir a outras seccións non cubertas, o que supón unha sobrecarga de traballo que en moitas ocasións é imposible de asumir polo persoal.

O persoal lamenta a falta de resposta de Correos a un escrito, asinado pola maioría do persoal da unidade, que foi remitido ao director de zona a semana pasada, indicando que a contratación prevista non era suficiente. "Esta falta de reposta é a que aboca o persoal a tomar a decisión de levar adiante esta folga dende este luns", critican.

Nos próximos días, os traballadores e traballadoras realizarán diversas accións para denunciar publicamente a situación da unidade e presionar a Correos para que mellore o servizo neses barrios da cidade. "Xa na primeira xornada de folga se deixaron notar os efectos, quedando varios centos de notificacións sen levar a reparto pola falta de persoal", apuntaron .

CIG-Correos e CGT lembran que esta unidade fora recortada no ano 2017, e xa naquela altura as diversas protestas do persoal, dos sindicatos e das asociacións de veciños/as levaran a que Correos - que nun principio negara a problemática – dera marcha atrás parcialmente recuperando unha das prazas que se eliminaran. Aínda así o persoal afirma que a unidade quedou mal dimensionada o que, unido á ausencia de contratación, "fai que o servizo postal se vexa afectado de xeito frecuente".