Persoal de Correos mobilízase en Redondela ao berro de “queremos traballar e non rebentar”

A CIG insta a Inspección e Traballo a actuar fronte a precariedade no servizo postal
Redondela - 23 Mar 2026

Persoal de Correos de Redondela e doutras unidades de reparto desenvolveu unha concentración este sábado diante do Concello para denunciar o trato que a empresa lle está a dispensar ao colectivo de persoas traballadoras, “someténdoas cada día a máis presión, con menos efectivos e cunha total desorganización”. En consecuencia, dende a CIG instan a Inspección de Traballo a actuar contra a precariedade no servizo postal público.

Na central sindical lamentan que a dirección de Correos non teña en conta nin a dispersión, nin a extensión do territorio, nin a quilometraxe, nin a modalidade de envíos a entregar, e que tampouco faga nada para rematar coa “incerteza permanente” na que vive o persoal ao ter que estar cambiando constantemente de zonas de reparto. “Correos pretende unha amazonización da compañía”, sinalan en referencia ao modelo da transnacional de reparto, cuxas condicións de precariedade motivaron a convocatoria de varias xornadas de folga recentemente.

Polo que dende a CIG reclaman que “este Goberno que se di progresista non permita que nin en Correos, nin ningunha outra empresa de reparto, teña condicións de precariedade. Rexeitan que a empresa pública teña que competir con estas compañías do sector da loxística “a costa de debilitar as condicións de traballo”, polo que instan a Inspección de Traballo actuar diante do que consideran “verdadeiros atentados” contra a saúde do persoal, polo que durante a protesta o berro máis coreado foi precisamente "queremos traballar e non rebentar".

“Este modo de actuar por parte de Correos está a derivar nunha epidemia de problemas de saúde e accidentes laborais, que esta organización sindical ten denunciado precisamente diante dos servizos de inspección”. Ao tempo que consideran que este xeito de actuar, lonxe de representar unha mellora no servizo que se lle ofrece á cidadanía,” provoca un empeoramento notable, con entregas fóra de prazo con graves consecuencias para a veciñanza”.