Persoal de Ence segue a mobilizarse en demanda da mesa de traballo polo futuro do emprego

Desenvolveu unha concentración diante da Subdelegación do Goberno en Pontevedra
Pontevedra - 09 Abr 2021

Un grupo de traballadores/as e representantes sindicais de Ence levou a cabo unha nova concentración onte diante da Subdelegación do Goberno en Pontevedra para instar a ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, a que concrete a data para constituír “de xeito inmediato” a mesa de traballo comprometida. Dende o comité, presidido pola CIG, demandan que nesta mesa de traballo estean representados os Gobernos español e galego, a dirección da compañía e o cadro de persoal co obxectivo de atopar unha solución definitiva que garanta o futuro de todos os postos de traballo.

Dende a representación sindical inciden na necesidade de atopar unha solución que remate coa situación de incerteza na que se atopan os traballadores/as como consecuencia de que a concesión administrativa da fábrica está xudicializada para dirimir até cando se prolonga, “pero saia ben ou mal o que está claro é que haberá recursos, o que prolongará a nosa inquedanza durante moito tempo máis”.