Persoal de escolas infantís e atención á discapacidade e a menores mobilízase por unha mellora das condicións laborais

A CIG insta a Consellaría de Política Social a mediar para avanzar na negociación de convenios galegos que rematen coa precariedade nestes sectores
Nacional - 27 Out 2025

Unhas 500 persoas percorreron este sábado as rúas de Compostela en manifestación para reclamarlle á Consellaría de Política Social que medie para avanzar cara a negociación de convenios galegos que remate coa precariedade nos sectores de escolas infantís de 0 a 3 anos, protección de menores e atención a persoas con discapacidade. Os tres colectivos, que teñen convocada unha folga o vindeiro 6 de novembro, suman máis de 5.000 persoas traballadoras en máis de 500 centros por todo o país.

O persoal destes sectores cobra salarios arredor do SMI malia tratarse de servizos esenciais e non ven recompensada a responsabilidade que teñen na educación de crianzas menores de 3 anos, a atención a usuarios con discapacidade e a diversidade funcional ou a menores en situación de vulnerabilidade ou que cumpren medidas xudiciais.

Polo que iniciaron unha loita para reclamar que se negocien convenios galegos en cada un dos seus ámbitos, dado que o marco estatal non pon fin á situación de precariedade na que viven: precariedade laboral e salarial (con soldos que en moitos casos non chegan ao SMI, conxelados porque dependen de que se renove o concerto económico das empresas ou asociacións que teñen a licitación dos servizos que subcontrata a Xunta, sen complementos nin subas que permitan recuperar o poder adquisitivo perdido nos últimos anos), con escasos dereitos laborais por riba do Estatuto dos Traballadores/as en canto a permisos, licenzas e conciliación familiar e cunha forte presenza feminina.

Así mesmo, nos tres casos a CIG, sindicato maioritario, levou a cabo campañas con recollida de sinaturas entre o persoal afectado para reclamar a apertura de negociacións no Consello Galego de Relacións Laborais nas que se esixe a intermediación da Consellaría de Política Social, á que tamén se dirixiron este sábado os e as manifestantes nas súas consignas.

Perda de dereitos

En declaracións aos medios, Iria Cotelo, delegada da CIG en ASPANANE, lembrou que nos últimos anos levan perdidos dereitos como a antigüidade ou os días de asuntos propios. “Desenvolvemos o noso traballo con ratios miserentas, cunha enorme carga física e, sobre todo, psíquica; non se nos recoñece a penosidade, perigosidade nin nocturnidade. Precisamos un convenio galego porque o estatal non dignifica o noso labor nin garante condicións xustas para quen coidamos de persoas en situación de vulnerabilidade. Estamos a prestar un servizo público esencial que a Xunta ten privatizado, cando debera ser a súa responsabilidade directa garantir unha atención de calidade, indicou.

Pola súa banda, Natalia Seijo, delegada nunha das tres escolas municipais de Compostela, incidiu en que “despois de máis de tres anos de espera e supostas negociacións en Madrid atopámonos cun convenio que unicamente se axusta á lexislación vixente, cunhas subidas salariais insignificantes que se quedan no SMI e ningunha mellora en dereitos laborais: conciliación, baixada de rateos, recoñecemento de xornada lectiva e non lectiva, recoñecemento do nosa labor educativo e non só de coidados, etc. A situación en Galiza é diferente porque aquí é totalmente gratuíta a educación infantil, que por certo esta gratuidade está integramente financiada con fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, e non se fai unha asimilación das condicións entre as traballadoras que prestan servizos de xestión directa ou indirecta, de aí que precisemos un marco galego que nos regule”.

Por último, Germán Estévez, presidente do comité de empresa de Monteledo, un dos centros de reforma xuvenil existentes no noso territorio, fixo fincapé na desprotección que a Consellaría de Política Social está realizando aos menores a través do mantemento de precariedade do persoal traballador. Neste sentido tamén se referiu a problemas de ratios, á falta de profesionais que queiran traballar neste sector pola perigosidade, que non está recoñecida, e á forte carga mental e emocional que soportan. No caso de menores, a diversidade de tipoloxía de centros é moi ampla, desde centros de reforma, de protección, puntos de encontro, vivendas e pisos tutelados, etc. Estímase que hai máis de 1.000 menores que nestes momentos dependen administrativamente da Xunta, e tal e como a conselleira recoñeceu recentemente, en Galiza non existe nin unha soa praza vacante máis para atendelos porque o sistema está totalmente sobresaturado.

Folga o 6 de novembro

A manifestación arrincou da Alameda compostelá e fixo parada diante da sede da Confederación de Empresarios de Galiza (CEG), á que lle piden que sente a negociar para acadar estes convenios galegos (no caso de discapacidade xa houbo unha reunión que non frutificou e no caso de infantil sería preciso constituír previamente a patronal do sector). Ao remate da marcha léronse tres manifestos nos que se instou a Consellaría a “tomar nota” destas protestas e do “malestar” do seu persoal.

Neste sentido fíxose un último chamamento antes da folga do día 6 de novembro, ben aplicando de inmediato as subas salariais previstas no convenio estatal nos concertos económicos que ten coas asociacións e empresas dos tres sectores, ben iniciando a negociación no Consello Galego de RRLL para acadar estes convenios propios. Do contrario, o seguinte paso que levarán a cabo conxuntamente é unha folga no sector prevista para o vindeiro 6 de novembro que, dado o carácter esencial que teñen, agardan que non se vexa boicoteada polos servizos mínimos decretados.