Persoal de FCC en Vigo mobilízase para denunciar que a mutua se nega a dar baixas en caso de doenza laboral

O comité da concesionaria da recollida do lixo baralla presentar unha demanda penal contra FREMAP por negar atención médica
Vigo - 16 Xan 2023

Un nutrido grupo de traballadores/as de FCC, concesionaria do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria do Concello de Vigo, desenvolveu hoxe unha concentración diante de FREMAP para denunciar que a mutua se nega a dar baixas no caso de doenzas laborais e para reclamar unha atención sanitaria digna. Ademais, o comité de empresa baralla presentar unha demanda penal porque a mutua se nega tamén a prestar atención médica nalgúns casos.

Dende a representación da CIG no comité explican que o xeito de proceder habitual por parte de FREMAP un caso de que un traballador/a sufra un percance durante a súa xornada laboral consiste en realizar radiografías, “porque se trata das probas máis baratas”, e despois asegurar que a doenza que presenta o empregado/a non ten nada que ver co desenvolvemento do seu traballo.

“O que fan é desentenderse absolutamente, polo que nos vemos obrigados/as a acudir á Seguridade Social para que nos dea a baixa no caso de que non poidamos seguir a realizar o noso labor; e despois temos que reclamar a continxencia profesional”, sinalan. Trátase dunha reclamación administrativa que non sempre é favorábel para o afectado/, “pero si o é até o de agora no 100% dos casos a reclamación posterior, que é por vía xudicial”.

Neste senso, aseguran que o que acontece é que FCC e a mutua póñense de acordo para intentar reducir ao máximo o recoñecemento dos accidentes laborais, “algo do que se beneficia a empresa ao obter maior puntuación nos concursos públicos aos que se presenta”. Por iso decidiron convocar unhas mobilizacións que arrincaron hoxe diante de FREMAP, na rúa Pizarro, e que continuarán este xoves 19 nas oficinas de FCC na rúa Tarragona de 11:30 a 12:30 horas.

Ao mesmo tempo, dende a representación sindical adiantan que están a estudar a presentación dunha demanda penal contra a mutua porque nalgúns casos mesmo se está a negar a prestar atención médica, “algo que non sucedera até o de agora”. Sucedeu recentemente cunha traballadora que se presentou cun problema derivado da súa labor. “Non lle deron a baixa, volveu ao cabo dun par de días porque seguía con moita dor, pero negáronse a atendela de novo”, censuran.