Persoal de Guidoni mobilízase contra o ERTE e para reclamar medidas que garantan o futuro dos empregos

Narón - 13 Xun 2025

Traballadores e traballadoras de Guidoni Quartz fixeron unha primeira concentración este venres diante da fábrica de Narón para rexeitar o ERTE formulado pola empresa e demandar medidas e investimentos que garantan o futuro dos empregos e da actividade produtiva.

A protesta realizouse coincidindo co cambio de quenda e no marco do período de consultas do expediente de regulación temporal presentado pola dirección para todo o persoal durante seis meses. O secretario comarcal da FCM-CIG, Marcos Sánchez, salienta que, máis alá das consecuencias económicas que o ERTE ten para o persoal afectado, con esta mobilización “o que pedimos é futuro para a fábrica”.

Advirte dos problemas de subministración de materia prima que vén arrastrando a planta de Narón que “non vai solucionar este ERTE”. Por iso, demanda medidas e un plan de viabilidade que garanta a continuidade dos 122 postos de traballo.

O vindeiro luns, o comité manterá unha entrevista coa alcaldía e os grupos municipais da Corporación de Narón para explicar a situación e demandar o apoio do Concello. O martes, está fixado un encontro co deputado do BNG, Afonso Fernández, e ademais, a representación social xa solicitou unha reunión coa consellaría de Economía e Industria para tratar o futuro da actividade produtiva e dos empregos.