O cadro de persoal de Iberconsa, empresa con sede en Vigo dedicada á elaboración e distribución de produtos conxelados do mar, desenvolveu hoxe unha concentración diante das instalación da compañía no peirao de Bouzas para reclamar un pacto de mellora das condicións laborais por riba do establecido no convenio estatal.
A asemblea de persoas traballadoras celebrada o pasado mércores decidiu convocar mobilizacións tras a negativa da empresa a negociar tanto un convenio propio como unha serie de melloras con respecto ao convenio estatal de elaborados do mar, sobre todo en cuestión de salarios.
Dende o comité de empresa, presidido pola CIG, denuncian que a dirección negouse en todo momento as propostas da parte social remitíndose ao convenio estatal, “sen ter en conta que contempla uns soldos moi baixos”.
Por iso a representación sindical reclama unha terceira paga extra, unha suba mensual de 40 euros para a categoría 2, a extensión da prima de penosidade a todo o persoal que accede á cámara frigorífica, o abono íntegro do plus de serras e que as gratificacións voluntarias deixen de ser absorbíbeis. “En definitiva, o que propoñemos son unha serie de posibilidades que permitan incrementar os salarios”, explican.
Por iso, ante a negativa da empresa a asumir algunhas destas propostas o comité decidiu promover a convocatoria de mobilizacións, proposta que foi ratificada pola asemblea, comezando cunha primeira concentración no día de hoxe diante da compañía de 13:00 a 15:00 horas.