Persoal de Ilunion en Ourense clama contra os abusos laborais da empresa

Delegados/as da CIG-Industria participaron na concentración que tivo lugar na sede da ONCE
Ourense - 23 Set 2021

Persoal de Ilunion, centro especial de emprego do grupo ONCE, mobilizouse hoxe en Ourense xunto a delegados/as da CIG-Industria para rexeitar os abusos laborais por parte da empresa, despois de que tivesen que acudir ao xulgado para que a dirección dese marcha atrás na súa intención de recortar os pluses e os complementos “sen negociar nin dar sequera explicacións”.

A protesta convocadas para rexeitar a actitude de Ilunion tivo lugar este mércores diante das oficinas da ONCE, na Alameda do Cruceiro, a partir das 11:30 horas. Aínda que a empresa chegou a un acordo cos afectados/as antes de que se celebrase o primeiro dos catro xuízos previstos, os traballadores/as optaron por continuar adiante coa mobilización para denunciar a falta de diálogo da dirección coa súa representación legal. 

O persoal mantivo a protesta ante a falta de diálogo da dirección co comité 

Neste senso, lamentan que Ilunion optase por xudicializar a vida laboral, obrigando as persoas afectadas a presentar demandas para poder cobrar as nóminas completas. “Por despois de tentar buscar sen éxito unha solución negociada apostamos pola mobilización, porque non imos abandonar as traballadoras/es que demandaron xudicialmente á empresa para cobrar”, sinalan dende a CIG.