Persoal de Ilunion Servicios Industriales concéntrase na Delegación do Goberno para demandar condicións dignas

Reclaman que se lles aplique o convenio do sector no que prestan servizos
A Coruña - 23 Xun 2022

Traballadores e traballadoras de Ilunion Servicios Industriales Galicia, centro especial de emprego do grupo ONCE, concentráronse este xoves na Delegación do Goberno na Coruña para protestar contra a precariedade que padecen e reclamar un convenio de empresa xusto con salarios e condicións dignas.

Aos 620 empregados/as que Ilunion ten en Vigo aplícaselles o convenio estatal de Centros Especiais de Emprego, que contempla unhas condicións laborais e salariais moi cativas. Quique Fernández, da Executiva da CIG-Industria, explica que este persoal presta servizos en compañías do sector do automóbil como Stellantis, Lear, Benteler ou Denso, mais a pesar de realizar as mesmas tarefas que o persoal da empresa principal, cobra polo SMI e teñen a metade de dereitos.

De feito, denuncia que Stellantis ten externalizados até 400 postos de carretilleiros, montaxe e loxística a través de Ilunion que antes realizaban traballadores/as contratados/as directamente pola antiga PSA Citroen e polo tanto, a quen se lles aplicaba o convenio propio desta empresa.

Ante esta precarización do emprego disfrazada de integración laboral, a CIG (que ten a maioría absoluta no comité de Ilunion Servicios Industriales de Vigo) iniciou unha campaña para esixir que a estes traballadores e traballadoras se lles aplique o convenio do sector no que prestan servizo (neste caso o de siderometal da provincia de Pontevedra) ou que se negocie un convenio propio para o centro vigués. Con este obxectivo a representación sindical solicitou un AGA, pero a dirección de Ilunion rexeitou a mediación.

Desamparo absoluto

Para denunciar a explotación que padecen, a CIG remitiu un escrito á ministra de Traballo, Yolanda Díaz, xa que na última reforma laboral se establece que, en materia salarial, os convenios de empresa non poden ser inferiores aos de sector e que no caso das subcontratas e contratas, este persoal estará regulado polo convenio sectorial de aplicación. Pero, casualmente, o Goberno excluíu da norma de maneira expresa os centros especiais de emprego, condenando a este persoal especialmente vulnerábel á precariedade absoluta a través da fórmula da subcontratación.

A este respecto, o presidente do comité, Marcos Páramos, engade que malia cobrar o salario mínimo, estes traballadores e traballadoras teñen que aturar os elevados ritmos de traballo, a realización de horas extraordinarias e xornadas irregulares na mesma medida o resto do persoal das compañías da automoción, aínda que, segundo o convenio dos centros especiais de emprego, a súa xornada máxima semanal é de 38,5h, non poderían facer nin prolongacións da xornada, nin ter unha distribución irregular das horas de traballo.

Ademais advirtiu que non están sequera recibindo a formación obrigatoria establecida por lei, algo especialmente grave tendo en conta que se trata de persoas con capacidades especiais, tanto físicas como psíquicas.

Novas ferramentas de explotación

Tanto Fernández como Páramos recalcaron que os centros especiais de emprego fan parte das novas ferramentas que o capital emprega para precarizar as condicións laborais e de vida de milleiros/as de traballadores/as “e para incrementar beneficios mediante o abuso e a escravitude laboral”.

Neste senso, lembran que máis de dúas terceiras partes dos contratos que se realizan a persoas con capacidades especiais son a través de centros especiais de emprego, e maioritariamente están asociados a tarefas pouco cualificadas. En consecuencia, estes centros deixan de ser unha porta de acceso ao mundo laboral “para converterse en precariedade subvencionada”.

Estas empresas son favorecidas por convenios que remuneran por debaixo do que o fai o convenio de sector da empresa cliente, e acaban actuando como empresas multiservizos. “Ofrecen man de obra barata, o que lles permite obter un lucro inmoral, vulnerando o principio de igualdade entre as persoas traballadoras e desvirtuando o papel destes centros como facilitadores da integración laboral”, destaca Fernández.

E na mesma liña, Páramos conclúe que se utilizan estes centros como "unha ferramenta máis de explotación e non de integración, porque ás persoas con grandes limitacións non se lle ofrece unha oportunidade laboral ao non ter encaixe nas empresas clientes. Isto é así porque non se están adaptando os postos de traballo como estabelece a normativa".