• Nova

Persoal de limpeza do Concello de Ourense inicia protestas polo emprego e as condicións laborais

Solicitan a inclusión de clásulas sociais no prego de condicións para a adxudicación do servizo
Ourense - 16 Xan 2017

O persoal encargado da limpeza das dependecias do Concello de Ourense mobilizouse este venres coincidindo coa celebración do pleno municipal para reclamar o mantemento do emprego e das condicións laborais unha vez que a empresa concesionaria abandone o servizo, ademais de demandar a inclusión de clásulas sociais no prego de condicións que regulará a adxudicación.

As empregadas/os da limpeza das dependencias municipais ourensás concentráronse ás portas do Concello para reclamar o mantemento de todos os postos de traballo e das actuais condicións laborais cando a empresa concesionaria abandone o servizo o vindeiro 31 de xaneiro. O cadro de persoal de Ontet-Seralia solicita tamén que se inclúan clásulas sociais e medidas de protección das traballadoras/es no prego de condicións que rexirá a próxima adxudicación.

Dende a CIG de Ourense explican que as protestas convocáronse unha vez que o Goberno local decidiu manter o prego de condicións que vén de aprobar e que non contempla nin clásulas sociais nin medidas de protección do cadro de persoal ante os posíbeis incumprimentos das empresas.

Ademais, recorta o servizo en 300 horas semanais, o que ao entender do comité -con maioría da central nacionalista- suporá ou unha redución de xornada ou despedimentos. Outro dos aspectos negativos ten que ver con que o 100% da valoración será a oferta económica, “sen que se teña en conta ningunha outra cuestión”.

Diante disto, as traballadoras/es apostan por continuar coas mobilizacións e acordaron volver a concentrarse ás portas do consistorio este martes e o vindeiro xoves.