Persoal de Naturgy manifesta en Compostela o seu rexeitamento ao peche do COR da Coruña

Remataron cunha concentración diante do Parlamento, onde se celebraba unha xuntanza da comisión de Industria

Nacional -

Traballadores e traballadoras de Naturgy manifestáronse esta mañá polas rúas de Compostela e concentráronse diante do Parlamento de Galiza, coincidindo coa xuntanza da comisión parlamentar  de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo na que o BNG  demandou unha aclaración respecto das actuacións que vai levar a cabo a Xunta de Galiza para frear a deslocalización dos servizos das empresas eléctricas en xeral, e en particular dos servizos de Naturgy na Coruña.

Félix Hernanz, secretario do comité do centro de operación de rede de Naturgy na Coruña e delegado da CIG, lembrou ao inicio da manifestación, que hai dous meses a eléctrica comunicou ao persoal que non había outra alternativa que o peche deste centro e o traslado de todo o persoal a Madrid.

Desde aquela veñen mobilizándose para “facerlle ver á empresa que o que quere facer non é o que debería. Non queremos marchar a Madrid e cremos ademais que iso vai empeorar a calidade do subministro que se presta ás galegas e galegos, tendo en conta a posición maioritaria de Naturgy no mercado eléctrico en Galiza, tanto na produción como na distribución”.

Desmantelamento industrial e destrución de emprego

Para a CIG esta decisión afonda ademais no desmantelamento industrial e na destrución de emprego cualificado e de calidade en Galiza e coincide de cheo cun proceso de transición enerxética que non leva aparelladas políticas públicas que senten as bases dun novo modelo, que garantan a enerxía como un ben social e permitan que a riqueza que se xera no noso país reverta no mantemento do tecido produtivo e do emprego, e no desenvolvemento económico e social da nosa terra.

Por iso a central sindical denuncia a pasividade coa que a Xunta asiste a un proceso que se suma tamén ao peche do centro de operacións de Conca de Iberdrola na Rúa. Reclama ao Goberno de Feixoo que actúe de inmediato para impedir estas decisións empresariais que agravan a enorme crise industrial que atravesa Galiza, supoñen destruír emprego cualificado e de calidade, e inciden na falta de mantemento e inversión da rede eléctrica, empeorando polo tanto o servizo e a atención que se presta.

Fondos de investimento

Nese sentido tamén Hernanz lembrou que a propia Xunta, cando se reuniu coa representación do persoal, “recoñeceu que desde que os fondos de investimento se fixeron cargo da empresa, as sancións por tempos de demora por reposicións incrementáronse” e denunciou que, aínda así “consideran que a decisión é puramente empresarial” malia as consecuencias que vai ter para a clientela.

O delegado da CIG subliñou que o persoal coñece as instalacións, a cultura, a orografía e a problemática que hai en Galiza. Por iso considerou que “mandar o COR a Madrid non vai mellorar isto” e lembrou a problemática derivada da externalizaron do centro de atención telefónica. “Mandárono a Reus e as galegas e galegos xa non podemos falar en galego para comunicar calquera avaría”.

Para Hernanz o obxectivo desta operación é centralizar en Madrid, reducindo o persoal. A propia empresa recoñéceo. “Ensináronos un documento no que din que xustifican o peche e o motivo para eles é puramente económico, os cartos que van aforrar por mandarnos alá. Nós queremos facerlle ver que este é ademais un tema social. Pero aos fondos de investimento non lles importa”.

O secretario do comité e delegado da CIG denuncia ademais que desde que estes fondos se fixeron cargo da empresa “o tempo e os cartos que se dedican a mantemento e operacións reducíronse moito”. Unha situación que será peor porque “cando tes a menos xente facendo o noso traballo, e desde Madrid, haberá menos persoal para atender as avarías e será ademais xente que non coñece o país. Isto vai ter consecuencias para a clientela porque, por exemplo, co típico temporal vai aumentar o tempo de resolución das avarías e dos cortes de luz”.

Xunto a isto Félix Hernanz advirte das consecuencias para as familias desta deslocalización. “Estamos falando tamén dun montón de xente nova, con hipotecas, fillos/as, coa vida feita aquí, parellas traballando… Non é pechar unha casa e abrir outra, que fas coa familia? Iso a empresa non o quere ver, nin lle importa”, conclúe.

Volver