Persoal de Naturgy mobilízase contra o recorte de dereitos e para reclamar un convenio digno

A pesar dos millonarios beneficios, a empresa nin sequera garanta incrementos conforme ao IPC
Nacional - 07 Mai 2026

Traballadores e traballadoras de Naturgy en activo e xubilados concentráronse este xoves diante da oficina principal na Coruña contra as pretensións da empresa de recortar dereitos cando está obtendo resultados históricos de beneficios e para reclamar un convenio colectivo que recolla melloras salariais reais.

A representación da CIG denuncia que, na negociación deste convenio colectivo e despois de 85 reunións, a empresa propuxo un incremento salarial que nin sequera garante o mantemento do poder adquisitivo ao ficar por debaixo do IPC e ademais a súa aplicación sería en “diferido” e ligada a que se manteñan os beneficios millonarios.

Neste senso, Ángel González, secretario da sección sindical, salientou que co último convenio o persoal xa perdeu un 5% da capacidade adquisitiva e agora é o momento de recuperar e incrementar os soldos, tendo en conta a conta de resultados da eléctrica. “Somos os persoal que está aí cando hai problemas polos temporais, cando hai un apagamento, etc. e non queremos que a empresa nos dea as grazas, queremos salarios dignos e un convenio con dereitos”, aseverou.

Na protesta desta mañá tamén participou un numero grupo de persoas xubiladas, xa que logo do recorte na bonificación da tarifa eléctrica do último convenio, Naturgy teima agora en seguir minguando este dereito social que atinxía tanto ao persoal en activo como as denominadas clases pasivas.

Á precarización das condicións de traballo súmase a diminución progresiva do emprego na compañía, que pasou de contar no ano 2012 preto de 20.000 traballadores e traballadoras en todo o Estado a ter agora un cadro de persoal de 4.000. En Galiza, a Naturgy conta con arredor de 500 persoas.