Persoal de Noa Madera Creativa concéntrase con motivo do xuízo polo traslado do persoal da oficina técnica

A decisión do Grupo Malasa afonda na precarización e o desmantelamento da planta de Fene

Ferrol -

O comité de Noa Madera Creativa concentrouse o luns nos xulgados de Ferrol coincidindo coa celebración do xuízo polo conflito colectivo presentado contra a empresa e o Grupo Malasa tras da decisión de desmantelar a oficina técnica da planta de Fene e trasladar o seu persoal ás instalacións que o grupo ten en Cerceda.

Cómpre lembrar que dende o pasado novembro o persoal da oficina técnica  vén sufrindo modificacións nas súas condicións laborais, con cambios de horarios e traslados ás instalacións que Malasa ten en Cerceda, sen que se exista nin xustificación para esta medida, nin negociación coa parte social, nin compensación de ningún tipo para o persoal afectado. Isto levou ao comité a presentar conflito colectivo contra unha medida que, advirten, ademais de afondar no proceso de desmantelamento de Noa supón a desaparición de corenta postos de traballo directos "nunha comarca que non se pode permitir perder nin un só emprego máis".

Precarización laboral

Esta decisión haina que enmarcar na estratexia de precarización laboral que o Grupo Malasa pretende impor en Noa dende que adquiriu a firma no ano 2018, aplicando despedimentos individuais e non renovando contratos eventuais, para substituílos, en parte, por persoal contratado a través de empresas de traballo temporal en condicións máis cativas. Con esta estratexia, xa desapareceron en Noa arredor de 40 postos de traballo.

Co desmantelamento da oficina técnica, Malasa dá un paso máis ao forzar ao persoal a abandonar o seu emprego xa que non poden asumir un traslado a Cerceda, cando a empresa non ofreceu ningún tipo de compensación ou alternativa. Dende a Federación de Construción e Madeira da CIG de Ferrol denunciase que con esta manobra, Malasa tenta levar adiante de maneira encuberta o ERE que non puido aplicar cando mercou Noa.

Para defender os empregos, e unhas condicións laborais e salariais dignas, os traballadores e as traballadoras de Noa Madera Creativa teñen iniciado accións xudiciais, foron á folga o pasado 19 de decembro, e promoveron a aprobación dunha moción de apoio no Pleno de Fene, entre outras medidas de presión.

Volver