Persoal de Nueva Pescanova prosegue mobilizacións para esixir un convenio con salarios e condicións dignas

A empresa ofrece unha suba de miseria e pretende impor a flexibilidade absoluta da xornada
Vigo - 20 Dec 2021

Traballadores e traballadoras de Nueva Pescanova continuaron este luns coas mobilizacións para reclamar un convenio colectivo digno. A protesta, convocada polos sindicatos con representación no comité, realizouse na sede principal de Abanca en Vigo, xa que a entidade é a accionista maioritaria da empresa. Desta volta, o persoal concentrouse diante da oficina e tamén no interior desta, amosando a súa fartura ante a falta de avances na negociación.

Critican que, despois do enorme esforzo que o persoal realizou durante a pandemia, a empresa pretende liquidar o convenio cun miserento incremento do 3% en catro anos, o  que suporía consolidar a perda do poder adquisitivo dos salarios. Neste senso, lembran que, mentres se están a fichar directivos con salarios moi elevados, o salario actual dun operario/a da cuarta quenda anda nos 14.000 euros ao ano.

As partes levan dende febreiro negociando o convenio sen que se tivese producido avance algún pola actitude inmobilista da patronal. De feito, até hai pouco a proposta da empresa era que non houbese incrementos, pero despois ofreceu unha paga do 0,5%, sen consolidar en táboas, para 2021, “polo que se este ano se revisa o SMI pódese dar o caso de que haxa soldos en Nueva Pescanova por debaixo do SMI. E iso a pesar de que durante a pandemia as ventas medraron sobre un 25%”, denuncian.

A parte social solicita un aumento do IPC real máis dous puntos, pero a compañía ofrece esta paga non consolidábel, que nun un salario medio de 20.000 euros suporía un ingreso de só 100 euros máis, mentres que nos soldos máis baixos da empresa serían 70 euros. Nos seguintes tres anos de vixencia do convenio Nueva Pescanova propón un aumento fixo total do 3%: 0,75% para 2022, 1% para 2023 e 1,25% para 2024.

Ademais, pretende a flexibilidade absoluta da xornada laboral, algo que rexeitan os traballadores/as. En canto ás licencias, está disposta unicamente a incorporar os cambios lexislativos que houbo dende o anterior convenio.

Ante a falta de vontade da dirección en pactar unhas condicións laborais xustas, despois de anos de conxelación salarial, o persoal acordo iniciar mobilizacións e non descarta unha convocatoria de folga.