Persoal de Plastic Omnium de Redondela mobilízase contra o acordo de convenio de CCOO e UGT

A CIG denuncia que o pacto non contempla incremento de soldos nin remata coa discriminación salarial
Redondela - 13 Out 2022

Un grupo de traballadores/as da empresa Plastic Omnium de Redondela mobilízase a diario a carón das instalacións da compañía dende o pasado martes para amosar o seu rexeitamento ao acordo de convenio entre os sindicatos CCOO e UGT e a dirección. Dende a central denuncia que o pacto non contempla un incremento de soldos nin remata coa discriminación salarial á que se vén sometidos/as os empregados/as de nova incorporación.

Dende a representación sindical da CIG en Plastic Omnium explican que con estas protestas pretenden evitar que os sindicatos estatais asinen un acordo -algo que presumibelmente terá lugar este venres- que nin sequera foi sometido a votación en asemblea, “xa que a pesar de que CCOO e UGT convocaron unha para explicar o contido do pacto non deixaron que o persoal decidira porque eramos maioría os traballadores/as afiliados/as da CIG”.

De feito, a propia presidenta do comité de empresa -de CCOO- recoñeceu ao inicio da asemblea que o preacordo “era malo” pero que existía un “acordo a nivel mundial” que os obrigaba a asinar. Algo que presumibelmente terá lugar este mesmo venres día 14, xa que a empresa convocou ao comité (7 representantes de CCOO, 5 da CIG e 1 da UGT, polo que as centrais estatais teñen a maioría).

Na central sindical lamentan que CCOO e UGT asumisen a proposta de convenio da empresa a pesar de que existía unha plataforma conxunta elaborada polas tres centrais con representación na compañía que contemplaba un incremento salarial do convenio de Químicas máis o IPC para os dous anos de vixencia (2022 e 2023). Ademais, reclamábase que a categoría Grupo 2 fose unicamente de entrada durante un ano, e que a partir dese tempo todo o persoal pasase a Grupo 3.

E tamén se demandaban dúas pagas para equiparar os soldos do persoal que entrou a partir de 2014 e que quedara sen complemento salarial: unha de 2400 euros en 2022 e outra de 4500 en 2023, o que reduciría a diferencia de soldos entre os traballadores/as.

Mais a empresa ofreceu unicamente un 2% de suba salarial para 2022 (dende setembro) e dun 2% para o ano que vén, cantidades non consolidábeis en táboas. E estableceu que o persoal de nova incorporación recibirá 2400 en catro anos: 0 euros en 2022 e 800 en cada un dos tres seguintes anos, de xeito que se mantería unha importante diferencia salarial.

Por iso a CIG decidiu iniciar un calendario de mobilizacións o pasado martes que inclúe concentracións diarias a carón da estrada a Vigo de 13:00 a 15.00 horas. Protestas que este venres non se celebrarán á espera do que sucede na xuntanza coa empresa, tras o que a central sindical decidirá as accións a adoptar en defensa dunhas condicións laborais dignas.

Neste senso, lembran que xa o ano pasado o cadro de persoal de Plastic Omium padeceu unha importante perda de poder adquisitivo ao non chegarse a acordo sobre o convenio, xa que a suba de soldos aplicada foi unicamente o establecido no convenio de Químicas (1%).