Persoal de Santander Operaciones e Grupo BC mobilízase en defensa dos seus postos de traballo

O Banco Santander continúa a destruír emprego na Galiza ligando un ERE tras doutro
A Coruña - 19 Xul 2019

O Banco Santander, malia os seus beneficios mil millonarios, segue na súa carreira de destrución de emprego, ligando un ERE tras doutro. Na tarde do xoves, os traballadores e traballadoras da filial Santander Operaciones e da subcontrata Grupo BC volvéronse mobilizar diante dunha das oficinas da entidade na Coruña en rexeitamento á decisión de pechar o centro de traballado do Edificio Orillamar e deixar na rúa a todo o seu persoal.

Cun expediente de despedimento colectivo en marcha, o grupo Santander quere agora pechar a antiga oficina de servizos centrais do Banco Pastor e despedir as 41 persoas que alí traballan. Este persoal -procedente na súa totalidade do Banco Pastor e do Popular- foi exteriorizado no marco do ERE aplicado nos servizos centrais no ano 2017 con motivo da integración no Santander, e pasou a formar parte dunha filial da entidade, mais facendo as mesmas tarefas que xa realizaba.

Centralización do emprego en Madrid

Naquel momento, hai ano e medio, a CIG demandou a recolocación deste persoal na rede comercial do banco ao non existir garantías de futuro para estes postos de traballo. Porén, o Santander e os sindicatos asinantes do ERE negáronse a esta posibilidade, argumentando que a exteriorización era o único xeito de manter o emprego na Coruña.

Pero ademais, este peche afecta ás 69 traballadoras e traballadores do Grupo BC, subcontrata que presta servizos en procesos bancarios para o Santander, que traballan nesta oficina e a quen a súa empresa xa lles notificou que vai iniciar a negociación dun expediente de regulación.

"O Banco Santander estivo baleirando de carga de traballo este centro para  levalo a Madrid, deslocalizando unha vez máis traballo realizado en Galiza cara a outros territorios do Estado", denuncia a sección sindical da CIG. Lembran que estes procesos en marcha supoñen a perda de arredor de 100 empregos estábeis na Coruña, para favorecer unha centralización do traballo en Madrid que, polas súas características, podería continuar a realizarse na Coruña.

A sección sindical chama a atención sobre o feito de que o Banco Santander, como consecuencia da compra do Grupo Popular (que previamente adquirira o Banco Pastor), é a día de hoxe a segunda entidade financeira en Galiza "polo que esiximos reciprocidade no mantemento do emprego no noso país".

Reestruturación salvaxe do sector

O sector financeiro está a vivir unha reestruturación salvaxe na que se destruíron e se seguen a destruír miles de empregos e se pecharon ducias de oficinas. 

Un emprego que non se vai recuperar, alerta a CIG-Banca, porque a nova organización do traballo neste sector demanda a creación de postos preferentemente nas estruturas de servizos centrais (que as entidades non manteñen en Galiza) en detrimento das redes comerciais, cada vez con cadros de persoal máis reducidos e que soportan unha sobrecarga de traballo que levou a que as prolongacións indebidas da xornada laboral sexan vistas como algo normal.

 Por iso, dende a sección sindical demándase o mantemento destes postos na Coruña, dotando de carga de traballo esta oficina. E ao tempo, reclámase a intervención das Administracións Públicas, tanto da Xunta como do Concello da Coruña, para que esixan ao Banco Santander que manteña o emprego en Galiza.