Persoal do servizo de limpeza dos hospitais Provincial, Clínico e Gil Casares maniféstase polo cumprimento dos acordos

Veñen mobilizándose desde antes do verán sen que se atendan as súas demandas
Compostela - 26 Out 2023

Traballadoras e traballadores dos servizos de limpeza dos hospitais Provincial, Clínico e Gil Casares manifestábanse esta mañá, diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza, en San Caetano, baixo unha intensa chuvia para reclamar o cumprimento do convenio e máis dos acordos.

O persoal vén mobilizándose desde antes do verán sen que ninguén escoitara as súas demandas. A partir de setembro decidiron intensificar as mobilizacións pero non tiveron noticias nin da concesionaria, a UTE, Ilunion, nin do SERGAS até esta semana. “Casualmente despois de máis dun mes sen comunicarse unha data de reunión para a licitación da contratación da limpeza no Clínico-Gil Casares, curiosamente hai dous días trasládasenos que se vai celebrar no día de hoxe, coincidindo xusto coa hora da convocatoria desta manifestación. Debe de ser para que non puideramos estar presentes”, explica o representante da CIG, Anxo Noceda.

Unha comunicación que demostra, para Noceda, que “a mobilización non só funciona, senón que provoca que reaccionen”, como confirma o feito de que, nas vésperas desta mobilización e despois de catro meses sen noticias da empresa, “remitiran un correo ás centrais sindicais con representación no comité amosando a súa dispoñibilidade para sentar a falar, pero sen concretar absolutamente nada sobre as cuestións que temos enriba da mesa”.

A manifestación descorreu sen máis problemas que o manto de auga que caeu sobre as traballadoras e traballadores e rematou coa intervención das dúas presidentas dos comités, Pilar Seoane, presidenta do comité do servizo de limpeza do Clínico-Gil Casares e Carmen Cambón, presidenta do comité do Provincial, que deron lectura a un manifesto que, de seguido, reproducimos:

“Fai hoxe algo mais de dous anos e medio, aplaudíronnos todos os días durante 3 meses ás oito da tarde, ou mais ben nos considerabámonos aplaudidas porque aínda que ninguén nomeaba ao persoal de limpeza, nós considerámonos persoal da sanidade, porque sen o noso traballo nin se pode facer o traballo de oficina ou dirección, nin funcionarían as consultas, nin podería haber persoal hospitalizado e moito, moito menos, poderían funcionar os quirófanos.

A pesar de que ninguén se lembraba publicamente de nos, houbo un tempo, pouco, no que pareceu entenderse e recoñecerse o noso traballo: déronsenos os EPIs que inicialmente se nos negaran, reforzáronse os cadros de persoal… máis foi todo un espellismo. A medida que a pandemia parecía desaparecer volvemos a ser ás mesmas persoas traballadoras de sempre: o último escalafón laboral, ninguneadas e mesmo despreciadas.

Tras todo isto, pasada a pandemia, o pago non é outro que seguir a negarnos a compensación polos Días Covid, negarnos o acceso á carreira profesional conforme están a determinar os tribunais de xustiza, falsear cando non manipular o funcionamento da Bolsa de Emprego para negarnos unha maior estabilidade laboral, incúmprense sistematicamente o Convenio Colectivo e acordos como a retribución da nocturnidade ou o concurso de vacantes, néganse a dimensionar as plantillas para eliminar a sobrecarga de traballo.

E por se todo isto fose pouco, na licitación da limpeza do Clínico-Xil a Xerencia da Área Sanitaria, co consentimento da Consellaría de Sanidade e da Xunta de Galicia, veñen de acometer nos pregos de licitacións outra chea de agresións cara o noso traballo e a nosa dignidade, sendo a máis grave delas, máis non a única, o recorte decenas de miles de horas de traballo anual.

Preguntámonos como é posíbel que en escasamente dous anos e medio xa esqueceran que nos, que o noso traballo tamén foi imprescindíbel para saír da pandemia!, como é posíbel ter tan pouca memoria e responsabilidade cando estamos a falar de vidas humanas?

Resulta aínda mais indignante que pretendan xustificar todo o anterior na falta de recurso!, pero tampouco valen para eles as vidas das persoas??

Mais si o problema é de recursos, nos queremos lembrarlles o que o Consello de Contas de Galiza ven dicindo e concluíndo nos seu informes dende fai mais de 10 anos!, que non é outra cousa mais que si o SERGAS internalízase os servizos de limpeza podería ofertar un mellor servizo, aforrar cartos e ademais sen mermar as condicións das plantillas e reforzando os servizos.

Por iso, por que é de xustiza, temos que seguir animándonos a continuar loitando, por que esta loita ímola gañar!”