Persoal de Teleperformance mobilízase por unhas condicións dignas e contra os despedimentos arbitrarios

O comité ten convocado un calendario de protestas con paros laborais o 28 de xuño

A Coruña -

Traballadores e traballadoras de Teleperformance continuaron este venres coas mobilizacións para esixir á dirección da empresa que cumpra cos acordos acadados, cese nos despedimentos e achegue, dunha vez, solución a todas as problemáticas que dende hai anos ven denunciando o persoal, como os descontos indebidos nas nóminas ou a falta de formación adecuada.

O comité denuncia que dende que comezou a pandemia, "a empresa atopou o caldo de cultivo ideal para levar adiante todas e cada unha das súas pretensións, aplicando de maneira incondicional medidas unilaterais e restritivas, recortes de dereitos e modificacións nas condicións de traballo".

Diante destas agresións e a nula vontade negociadora da patronal, o comité acordou iniciar este venres un calendario de mobilizacións, cunha concentración diante das instalacións de Teleperformance que se repetirá o próximo 23 de xuño. Ademais, de non producírense avances, a representación social xa ten convocados para o 28 de xuño paros laborais -en horario de 12:30 a 13:30h e de 16:00 a 17:00h horas- e, unha nova concentración, coincidindo coa folga da quenda de mañá.

 Tino Fernández, delegado da CIG, critica que a empresa ten nulo interese en resolver estas problemáticas "e na xuntanza que tivemos onte incluso nos preguntou que é o que reclamamos, cando llo temos trasladado en numerosas ocasións". A este respecto lembra que no ano 2019, despois de diversas mobilizacións e paros laborais, houbo unha mediación no AGA na que se chegou a unha serie de acordos "que a empresa non está a respectar. O único que fixo foi pór en marcha unhas medidas insuficientes e que non desenvolveu".

Seguen os descontos nas nóminas

Fernández sinala que os traballadores e  traballadoras seguen sufrindo descontos nas nóminas por desconexións do sistema que non son responsabilidade do persoal ou por acudir a consultas médicas xustificadas que van dende uns céntimos até os 400€, co que isto implica para a economía da persoa afectada. "Non ten sentido o que fai a empresa, acaban recoñecendo que os descontos están mal feitos e devolven os cartos, pero o persoal ten que esperar dez ou quince días, ou directamente a empresa di que abonará as diferenzas na seguinte nómina".

 O representante da CIG subliña que este proceder é totalmente irregular, "tendo en conta que xa hai unha sentenza que determina que non se poden facer descontos nas nóminas por incidencias informáticas ou cortes da conexión de rede que non son imputábeis aos traballadores e ás traballadoras"

Na concentración esixiuse tamén o cese dos despedimentos que Teleperformance vén facendo dende nadal pasado, por suposto baixo rendemento. "Esta semana houbo dous e moito nos tememos que sigan executando máis", alerta. Estes despedimentos afectan a todos os servizos e a empresa aplícaos de maneira gradual.

Xunto a isto, o comité critica a falta de vontade negociadora de Teleperformance que se evidencia nas mesas que comité e empresa teñen actualmente abertas sobre as condicións do teletraballo, a implantación do plan de igualdade ou o plan de formación.

Estas problemáticas foron e son denunciadas na Inspección de Traballo "pero nos estamos atopando cunha pasividade que provoca que a empresa se sinta cada vez máis reforzada nas súas posicións". Para reverter esta situación, o comité solicitou unha reunión coa Xefatura da Inspección que tivo lugar a pasada semana e a próxima está prevista outra reunión co inspector que teñen asignado. "Esperamos que haxa cambio de actitude e que escoite á parte social".

Volver