Persoal de Textil Lonia mobilízase polas rúas de Ourense en demanda de condicións dignas

A manifestación fixo unha parada diante da tenda de Carolina Herrera e rematou na de Purificación García
Ourense - 12 Mar 2026

O cadro de persoal de Sociedad Textil Lonia de Ourense comezou onte coas manifestacións que levará a cabo todos os mércores até que a empresa volva á mesa de negociación con “vontade real” de pactar unhas melloras laborais que rematen coa precariedade que padece dende hai anos.

 

Un grupo de persoas traballadoras percorreu pola tarde as rúas da cidade dende a Casa Sindical até a tenda de Carolina Herrera, onde desenvolveu unha concentración. Despois a marcha continuou para rematar diante do establecemento de Purificación García.

Este calendario de mobilizacións foi decidido en asemblea ante a actitude da dirección, que ademais de negarse a pactar melloras laborais insiste nos seus ataques contra o persoal “por alzar a voz e facer públicas as condicións que leva sufrindo desde hai moito tempo”, tal e como denuncian dende a CIG de Ourense.

Dende a central sindical lembran que foi a propia compañía a que se levantou unilateralmente da mesa de negociación, rompendo calquera posibilidade de avance. “Mentres tanto, pretende trasladarlle ás persoas traballadoras a responsabilidade do conflito e presionalas para que desconvocasen as mobilizacións, ao tempo que escenificou un suposto proceso negociador que non era máis ca un paripé”.

O que demostra que a intención da empresa sempre foi silenciar e desacreditar a loita, “facendo ver que o problema non eran as condicións laborais senón o feito de que decidisen facelas públicas. Lonxe de asumir responsabilidades, a dirección opta por sinalar ás propias afectadas”.

Por iso consideran “especialmente grave” esta actitude empresarial “tendo en conta que o que se reclama é pouco máis ca calderilla en comparación cos beneficios que obtén a empresa”. Uns beneficios que existen -lembra González- grazas á súa suor ao seu esforzo diario, á súa experiencia e ao seu traballo constante durante anos. “Non están pedindo privilexios, están esixindo recoñecemento e condicións dignas acordes á realidade dunha empresa que medrou e se consolidou precisamente polo compromiso do seu persoal”.