Persoal de Urbaser concéntrase diante do concello de Santiago en demanda dunha solución aos incumprimentos da empresa

A mobilización coincidiu coa celebración do pleno municipal no que interveu un dos traballadores
Compostela - 30 Mar 2023

Traballadoras e traballadores de URBASER concentráronse este xoves na praza do Obradoiro, diante  do concello para denunciar o incumprimento de acordos do convenio colectivo, de acordos extra convenio, que teñen a mesma validez legal e a falta de información respecto dos novos servizos que se implantaron dos que non foron informados. A mobilización coincidiu coa celebración do pleno municipal, onde interveu, en representación do persoal o secretario do comité de empresa, Andrés Sánchez Barros.

Segundo explicou no decurso da concentración o presidente do comité, Ricardo Méndez, respecto do convenio colectivo, malia ter todo o cadro de persoal establecidos como libres os días 24 e 31 de decembro, “hai un grupo deles aos que a  xerencia da empresa se negou a concederllos alegando que como teñen quenda rotatoria non teñen os mesmos dereitos que o resto, que estamos só en quenda de noite”.

A isto engadiu que a ese persoal tampouco se lle cumpre o estipulado en materias de horarios. “Estamos teoricamente coa mesma xornada pero nós temos un horario de seis horas e media diarias e eles están realizando  8 horas diarias”.

Denegación do dereito á conciliación

Méndez asegurou que a empresa tamén está impedindo que se goce do dereito legal á conciliación. En concreto afirmou que “hai unha compañeira que pediu trasladar a súa xornada a outra quenda por motivos familiares e non se lle permitiu tampouco”. Unha negativa que cualificou de “incríbel, máis nunha empresa como URBASER que, por enriba ten elaborado un protocolo que non cumpre para nada”.

O presidente do comité denunciou ademais o estado de deterioro no que se atopa a maquinaria á que se lle fan as reparacións “mínimas” o que provoca “ás veces falta de seguridade para o persoal” e unha maquinaria nova que “non está a chegar”.

Xornada laboral

A isto Méndez engade incumprimentos en materia de xornada, fundamentalmente a raíz da implantación do novo servizo co que se implantaron novos horarios “sen previa comunicación ao comité de empresa”, cando o Estatuto dos Traballadores di claramente que “en materia deste servizo teñen que comunicar como vai funcionar ese novo servizo”. Unha comunicación que a día de hoxe non se produciu e polo que teñen previsto solicitar unha xuntanza, pero para saber algo “xa pasado”.

Responsabilidade do concello

Ao comité de URBASER non lle vale o argumento ao que adoita recorre o concello, segundo o que este é un conflito entre traballadores e empresa. “Nós entendemos que este é un servizo do concello, unha contrata. Eles cando elaboraron o prego o noso convenio ía incluído. Entendemos que teñen ser vixiantes de que todas as nosas condicións en materia laboral que se cumpran. Non poden permitir que se vulneren os dereitos dos traballadores e traballadoras”.

Na última xuntanza que tiveron, o pasado ano, trasladaron ao concello de Santiago todos os incumprimentos que levan meses denunciando, así como o referido aos novos servizos que prestan. Ricardo Méndez afirma que desde o goberno municipal informaron de que farían unha auditoría cuxos resultados descoñecen. “Dixeron que non os podían entregar fisicamente pero si podían explicarnos e estamos agardando desde setembro do ano pasado por unha resposta ou unha chamada do concello”.

Subcontratas

O presidente do comité engade, a todas estas cuestións, que o concello está permitindo que se subcontraten traballos que antes facía o persoal de URBASER, como o servizo de ‘quita e pon’ dos contedores. A isto engade que o novo servizo de 24 horas tamén estaba previsto, inicialmente, para unha serie de traballos, mais agora “tamén están facendo traballos que faciamos nós”.

Isto ten consecuencias directas na súa xornada, libranzas e salario. “Nós traballabamos o sábado de noite como se fora un festivo e o domingo durante o día tamén se facían servizos de repaso. Todos eses servizos os teñen subcontratados cun cadro de persoal equivalente. Parécenos moi ben que se fomente o emprego pero estás privando o teu persoal de facer eses traballos e con eles reduciamos dalgún modo a xornada laboral. Iso afecta ao salario porque ademais de compensarnos en horas libres tiñamos unha compensación económica”.