Persoal de Urbaser maniféstase no Tambre en demanda de que a concensionaria cumpra os acordos

A mobilización insírese na campaña de protestas contra o despedimento de dous compañeiros
Compostela - 18 Mai 2022

Traballadoras e traballadores de Urbaser manifestáronse esta mañá no polígono do Tambre para denunciar o incumprimento, por parte da empresa dos acordos acadados co comité en anos anteriores sobre a renovación do persoal eventual. Incumprimento que está afectando á estabilidade no emprego e que xa provocou dous despedimentos de compañeiros con catro anos de antigüidade, segundo o comité, “en represalia ás negociacións actuais do convenio colectivo”.

Na negociación do convenio do ano 2017 o comité de empresa de Urbaser de Santiago chegou a un acordo coa empresa para establecer unha bolsa de traballo de forma que toda persoa traballadora tivera un período de proba de seis meses (nun principio a empresa quería 2 anos), e superado ese tempo pasaría a formar parte dunha bolsa de traballo que se usaría para cubrir vacantes que puideran ir xurdindo por orde de antigüidade.

Segundo explican desde o comité desde esa data quen entrara en contrato de vacacións primeiro, despois pasaría a contratos por baixas de longa enfermidade. “Até o de agora facíao de mes en mes, e despois a partir de aí, cando collían estes contratos de baixas seguíase unha orde, ben por contratación indefinida por xubilación ou posto dalgunha vancante que queda por falecemento ou senón pasaban a cubrir unha xubilación parcial. Pero a xubilación parcial xa temos recollido no convenio que esa persoa ao rematar a xubilación parcial pasaría a ser indefinida”.

Isto víñase facendo así até que no mes de novembro se saltou a orde de contratación. Pero segundo o comité, o qué máis grave é que “dúas persoas que levaban catro anos traballando con nós, acabaron o contrato e non lles fixo outro contrato novo”.

 A desculpa que lle dá a empresa a estes traballadores é, nun caso, que “estaba moito tempo de baixa e non lle daban os números” e no outro porque “dicían que estaba moito tempo de baixa e o outro chaval porque estaba seguro de que no futuro lle ía dar problemas”.

O comité entende que a empresa está vulnerando o acordado e polo tanto vulnerando os dereitos das persoas traballadoras e reclama que se cumpran.