Persoal de Urxencias do Hospital Clínico prepárase para un peche de 24 horas no servizo o vindeiro día 19

Fixeron unha cazolada esta mañá, coincidindo coa quinta xornada de folga indefinida

Compostela -

O persoal de Urxencias do Hospital Clínico concentrouse de novo esta mañá, coincidindo coa quinta xornada de folga, ás portas mesmo do servizo, e percorreu en manifestación, con cazolada incluída, os arredores do centro hospitalario. No decurso da mobilización o presidente da comisión especializada de centro, Camilo Agulleiro, avanzou que as traballadoras e traballadores acordaron en asemblea manter o peche de 24 horas previsto para o día 19 de decembro e a manifestación convocada para o mes de xaneiro.

Así o comunicará mañá o comité de folga á Xerencia do Clínico coa que teñen fixada unha xuntanza ás 13:00 horas. Unha xuntanza na que transmitirá tamén a decisión do persoal de  que “se manteñan todos os ocos abertos, pero que se dote de persoal suficiente o servizo para que se poida garantir a prestación dunha asistencia de calidade”, explica Agulleiro.

O persoal mantén a confianza nunha rápida resolución do conflito, máis logo de que a semana pasada a propia Xerencia recoñecera, ao pór enriba da mesa unha proposta de incremento de persoal – 5 enfermeiros/as, 5 auxiliares e 2 médicas/os máis-, a lexitimidade das súas demandas.

Porén, non é tanta a confianza que xera a proposta da Xerencia de pechar eses espazos, abertos pola anterior Xerencia, porque alí é a onde adoitan trasladar a persoal de planta, que xa está baixo mínimos, para prestar atención ás/aos doentes. “O persoal do que non se fía”, sinala o presidente da Comisión Especializada de Centro, “é da información trasladada pola Xerencia, segundo a que procederían a pechar agora eses espazos para reabrilos máis adiante con máis persoal, porque temen que realmente non se dote do persoal necesario daquela”.

Volver