• Nova

O persoal de Uterqüe en Pontevedra suspende as protestas tras o acordo de recolocación coa empresa

A compañía do grupo Inditex pechará a única tenda que hai na cidade
Pontevedra - 27 Xun 2019

O cadro de persoal de Uterqüe en Pontevedra, integrado por seis persoas, decidiu suspender as mobilizacións previstas para rexeitar o seu despedimento como consecuencia do peche da única tenda existente na cidade, situada na rúa Benito Corbal, tras o acordo de recolocación alcanzado co departamento de recursos humanos.

Segundo explican dende a federación de Servizos da CIG de Pontevedra, a dirección da compañía do grupo Inditex comunicou hai 10 días a súa intención de pechar o establecemento o vindeiro 31 de xullo, o que suporía o despedimento de todo o persoal sen posibilidade de recolocación, polo que as traballadoras/es optaron poñerse en contacto coa central para asesorarse. 

O acordo fixa tamén unha indemnización de 60 días por ano para o persoal que acepte o despido

Entón decidiron promover a convocatoria de eleccións sindicais na empresa para escoller unha delegada/o de persoal que se celebrarán o próximo 22 de xullo, ao tempo que deseñaron un calendario de protestas para rexeitar os despedimentos e reclamar a recolocación.

Tras isto a dirección moveu ficha e púxose en contacto coas empregadas/os, convocándoas a unha xuntanza coa dirección de recursos humanos -que se desprazou dende Barcelona-, na que tamén participou unha representación da CIG-Servizos.

No encontro que tivo lugar hoxe chegouse a un acordo que fixa unha indemnización de 60 días por ano traballado (sen tope de mensualidades) para as que acepten o despido, mentres que as que non o fagan serán recolocadas/os preferibelmente noutro establecemento da empresa na provincia (a única que hai está en Vigo), e no caso de que non sexa posíbel farano noutra compañía do grupo Inditex.

Precisamente co obxectivo de concretar de que xeito se levarán a cabo as recolocacións as partes están citadas a unha nova reunión o vindeiro 5 de xullo.