Persoal de Vertifil concéntrase diante da empresa pola readmisión dun compañeiro despedido

Temen que este sexa o primeiro dunha cadea deles, mentres aumenta a carga de traballo
Moraña - 29 Abr 2022

Traballadoras e traballadores de Vertifil, empresa do sector téxtil con sede na localidade pontevedresa de Moraña, concentráronse esta mañá ás portas da compañía para denunciar o despedimento dun compañeiro, a ruptura das negociacións dun anexo do convenio por parte da empresa e o incremento de carga de traballo.

Segundo explicou no decurso da protesta Xabier Magariños, presidente do comité de empresa, da CIG, teñen fundadas sospeitas de que non vai quedar nese despedimento, senón que “vai ser unha cadea de despedimentos” en diante.

A decisión da empresa resulta tanto máis sorprendente canto que, despois de rematar o ERTE no que estiveron durante un ano, “agora no mes de marzo, a empresa dixo que non se ía producir ningún despedimento, nin a adoptar ningunha medida por mor da actual crise”.

Porén, a semana pasada atopáronse con este, un compañeiro que tiña unha elevada antigüidade e consideran que do que se trata é dun “adelgazamento, como lle chama a dirección da empresa, da estrutura da empresa”.

Ruptura unilateral do convenio

Magariños lembra que tamén estaban inmersos nun proceso de negociación dun anexo do convenio, no que se contemplaban unhas melloras salariais e denuncia que a empresa “rompeunas unilateralmente cando estabamos a piques de chegar a un acordo”.

Xunto a isto, o presidente do comité denunciou a “escalada  de represión de compañeiros” e o incremento de carga de traballo e anunciou que a mobilización de hoxe non é o punto final, senón como punto de partida dun calendario de diferentes medidas a adoptar que será decidido polos traballadores e traballadoras.