Persoal de Vitrasa protesta no Concello de Vigo para demandar compensacións polo ERTE e mellorar as xornadas e a seguridade

O comité advirte de novas protestas se empresa e Goberno local seguen sen atender as súas reivindicacións
Vigo - 24 Xul 2020

Persoal de Vitrasa, empresa que ten a concesión do transporte urbano de Vigo, realizou unha nova concentración este venres (e xa van cinco) diante do concello para esixir do Goberno municipal e da compañía que atendan as problemáticas formuladas polo comité e para denunciar o incumprimento nas medidas anunciadas polo alcalde a respecto das compensacións pola aplicación do ERTE.

Sobre este último punto, o presidente do comité e delegado da CIG, Imanol Arnoso, lembra que o alcalde de Vigo asegurou que se "blindarían os salarios" para contrarrestar o impacto do ERTE nas economías dos traballadores e traballadoras das concesionarias, mais das medidas anunciadas “unicamente se levaron a cabo as que significaron unha mellora para a empresa, como foi unha ampliación en 5 anos da actual concesión, pero ningunha para o persoal”.

Xunto a isto, apunta que segue sen aclararse se se manterán os baños portátiles para os/as traballadores/as instalados durante o estado de alarma e se se colocarán tamén nas liñas que aínda non contan con este servizo nas cabeceiras. "Dende o comité, matiza Arnoso, levamos anos reivindicando este tipo de instalacións para que os condutores e as condutoras non teñamos que depender dos servizos das cafetarías ou outros centros".

Así mesmo, con esta concentración piden ao Concello o establecemento de novos métodos de pagos (a través do móbil, con tarxeta de crédito, etc), xa que até esta mesma semana non se volveron permitir os pagos con moeda. "Até entón unicamente existía a posibilidade da tarxeta moedeiro e a PassVigo. Pero para a xente de fóra de Vigo non hai outras alternativas de pago máis que en moeda", apunta.

"Estas son as reivindicacións que vimos facerlle ao alcalde, pero logo de cinco concentracións non só segue sen dignarse saír falar con nós, senón que incluso denegou todas as solicitudes que lle trasladamos", lamentou Arnoso, quen sinalou á responsabilidade do Concello de Vigo, como titular da concesión, nas condicións deste servizo público.

Xornadas con descansos e cumprimento dos acordos

En canto ás demandas a Vitrasa, o representante do persoal reclamou unha reorganización dos horarios laborais que contemple os descansos adecuados dentro da xornada; unha redución da eventualidade; e o cumprimento tanto do convenio colectivo como dos acordos alcanzados entre empresa e comité, que afectan á calidade do servizo ofrecido aos/as viaxeiros/as e ao propio traballo do persoal.

Xunto a isto, o presidente do comité denunciou a ineficacia das mamparas colocadas para combater a Covid19, a inexistente protección da mutua, e a falta de EPI suficientes, pois Vitrasa só lles entrega unha máscara por semana, "cando debería dotarnos cunha máscara diaria para realizar o noso traballo con seguridade".