Persoal de XEAL concéntrase no Parlamento para esixir a actuación da Xunta

Cee - 21 Out 2020

Traballadores e traballadoras de XEAL (antiga Ferroatlántica de Cee, Dumbría e Centrais) continúan coas mobilizacións en rexeitamento ao novo ERTE imposto pola dirección (o segundo neste ano) e para esixir da Xunta unha intervención activa ante o desmantelamento progresivo das fábricas de ferroaliaxes, demandándolle dunha vez á empresa que presente o plan de viabilidade ao que obrigan as cláusulas das concesións.

O persoal tamén demanda que, de persistiren os incumprimentos, o Goberno galego actúe sobre as concesións procedendo ao seu rescate para evitar así a segregación encuberta que está a facer XEAL.

Desta volta a protesta realizouse diante do Parlamento de Galiza, coincidindo coa pregunta presentada polo BNG a respecto de se Goberno de Feixoo se está a usar todas as competencias que ten para facer respectar os acordos de mantemento da actividade, o emprego e os investimentos nas factorías e nas centrais hidroeléctricas que explota XEAL.