Persoal de XEAL mobilízanse na defensa do emprego, a actividade produtiva e para esixir o plan de viabilidade

Advirten da crítica situación das fábricas pola negativa da empresa a pór en marcha os fornos tras rematar o ERTE

Cee -

Traballadores e traballadoras de XEAL (antiga Ferroatlántica de Cee-Dumbría e centrais hidroeléctricas) concentráronse este xoves diante da Casa do Concello de Cee en defensa do mantemento da actividade produtiva e dos postos de traballo, xa que nestes momentos "a produción de ferroaliaxes é inferior ao 8% da capacidade das fábricas e hai un recorte progresivo no emprego directo e nas auxiliares e subcontratas".

Coa protesta, explica o presidente do comité, Alfonso Mouzo (CIG), tamén se quere reclamar da Xunta de Galiza "que esixa dunha vez á empresa o tan demandando plan de viabilidade ao que obrigan as cláusulas das concesións hidroeléctricas" e que cobra máis urxencia tras a negativa da dirección de XEAL a pór en marcha os fornos unha vez rematado do ERTE.

De igual xeito, dende o comité pídese aos concellos da comarca da Costa da Morte que actúen nunha fronte común na defensa dos empregos e da produción de ferroaliaxes nas fábricas de Cee e Dumbría e esixan á empresa que recupere a actividade dos fornos e execute os investimentos comprometidos.

Xunto a isto, Mouzo denunciou que, a día de hoxe, "e pesar de telos solicitado en reiteradas ocasións, seguimos sen coñecer o contido do contrato e dos acordos asinados entre TPG-Ithaka e Ferroglobe para a venda do complexo industrial e enerxético".

Volver