Persoal de Xeal mobilízase en Compostela en demanda dun plan industrial e o fin da especulación enerxética

Exixen á Xunta que actúe para que se cumpran as obrigas das concesións hidráulicas
Compostela - 15 Set 2022

Traballadores e traballadoras de XEAL manifestáronse esta mañá en Compostela para demandar da Xunta transparencia e unha xuntanza para abordar a solicitude dunha nova concesión que a empresa ten presentado en Augas de Galiza para facer unha central de bombeo. Exixen que se cumpran as condicións que teñen as actuais concesións, que contemplan o mantemento da actividade industrial nas fábricas de Cee e Dumbría, o mantemento dos postos de traballo e a actualización do convenio colectivo.

Coa manifestación de hoxe, que arrincou ás portas do edificio administrativo da Xunta de Galiza e rematou diante de Augas de Galiza, inícianse unha serie de concentracións e mobilizacións que terán continuidade diante da fábrica, o xoves 22 ás 14:15 horas, e o 29 de setembro novamente en Santiago, diante da Xunta.

Tal e como explicou o presidente do comité de empresa, Afonso Mouzo, queren que se abra unha mesa de negociación e que se cumpra o que din as concesións. “Non entendemos que a Xunta poida darlle á empresa unha autorización administrativa para seguir explotando o caudal ecolóxico cando están incumprindo o título concesional que teñen”, afirma.

Mouzo exixe da Xunta que faga valer as súas competencias e obrigue á empresa a cumprir as cláusulas concesionais. Denuncia que tanto os postos de traballo como a actividade industrial caeron en picado desde 2019, data na que entraron os novos propietarios. Un fondo voitre americano que nin sequera tributa en Galiza como, por outra banda, tampouco facía a anterior, que tributaba en Madrid.

O presidente do comité lembrou que daquela “tiñamos 5 fornos en marcha e agora hai escasamente un en cada fábrica. Eramos 293 traballadores e agora menos de 260. Van 34 traballadores fixos na empresa que deixaron de traballar en menos de 3 anos. Había uns 80 eventuais e deixaron de traballar tamén. Había empresa auxiliar e agora non está”. Por iso considerou que a Xunta “non pode mirar para outro lado e ten que facerse valer dunha vez por todas, porque estes beneficios caídos do ceo marchan do noso territorio mentres deixan no abandono a nosa comarca”.

Ligado á fabricación de ferroaliaxes

A empresa ten a concesión de explotacións hidráulicas ligadas á fabricación de ferroaliaxes nas fábricas. Na sentenza de novembro de 2020 queda constado este feito, porque “di ben claro que os terreos foron expropiados de maneira forzosa nunha comarca deprimida para facer actividade nas fábricas de Cee e Dumbría”.

Alén disto denuncian que a empresa está aplicando desde xaneiro deste ano o convenio de siderometalurxia da provincia da Coruña porque “fixo decaer o noso porque non tiña ultraactividade. Témolo recorrido no xulgado pero a empresa non quere xuntarse con nós para falar do convenio colectivo. A Xunta non fai nada para que isto cambie a se reverta a situación e non nos queda máis que seguir a nos manifestar”.

Mouzo reiterou, por iso, a responsabilidade da Xunta de Galiza, do momento no que as concesións son públicas e outórgaas a administración. “Polo tanto, se lle están solicitando un novo aproveitamento hidroeléctrico terá que facer constar que antes teñen que cumprir”. O que piden, xa que logo: mantemento da actividade industrial, do cadro de persoal, actualizar o convenio colectivo, porque “nos están pagando o que queren para castigarnos” e que se cumpran os requisitos medio ambientais.