• Nova

Persoal de ZF Dalphimetal marcha en manifestación polo polígono do Caramuxo para desbloquear o convenio

A maioría do comité de empresa acusa a compañía de non achegar propostas e de dilatar a negociación
Vigo - 16 Feb 2022

Boa parte do cadro de persoal de ZF Dalphimetal, empresa da automoción con sede en Vigo, percorreu hoxe en manifestación o polígono do Caramuxo -no que se atopan as instalacións da compañía para forzar a dirección a desbloquear as negociacións para pactar un novo convenio colectivo. A maioría do comité acusa a Dalphimetal de presentarse nas xuntanzas sen ningún tipo de contraproposta e de intentar dilatar novamente as conversas.

A mobilización de hoxe fai parte do calendario de protestas iniciado o pasado 19 de xaneiro cunha concentración nos exteriores da empresa, despois de que a dirección comunicase que non vai presentar máis propostas alegando que as posturas se atopaban demasiado lonxe.

Dende a sección sindical da CIG en Dalphimetal explican que nun primeiro momento a compañía non tiña intención de negociar a renovación do convenio -que leva caducado dende 2019- senón unicamente a actualización salarial, pero a presión da representación sindical obrigouna a negociar o convenio na súa totalidade. “CCOO mantívose á marxe en todo o proceso porque lle valía a proposta da empresa, pero o resto -CIG, UGT e CUT- forzámola a sentarse”.

Mais a última proposta de suba salarial non satisfai en absoluto as pretensións do cadro de persoal, xa que a empresa pretende un incremento de soldos do 0% para 2020, do 1% en 2021, do 0,25% en 2022 e do 1,50% en 2023. “Isto supón que en catro anos os salarios subirían unicamente un 3,75%, unha cantidade claramente insuficiente tendo en conta o incremento do custe da vida neste período”.

Finalmente, dende a maioría da representación sindical denuncian os intentos de Dalphimetal por entorpecer as negociacións, xa que acudiu á última xuntanza celebrada o pasado día 8 sen ningún tipo de contraproposta ás reclamacións da parte social, ademais de volver dilatar o proceso ao non convocar unha reunión até mañá, é dicir, nove días despois da última.